ALCALDÍA

O alcalde salienta o papel do Camiño de Santiago na loita contra a exclusión social

08/03/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polo alcalde de Assisi, Claudio Ricci, inaugurou a xornada Un Camiño de valores. Loita contra a pobreza e a exclusión social, no Palazzo Municipale de Assisi. Este mesmo día inaugurouse cun grande éxito a exposición "Santiago une a Europa". Acudiu numeroso público, entre os que estaban alumnos dos colexios de Assisi.

No acto inaugural da xornada, Sánchez Bugallo referiuse ao "perdón" e á "solidariedade" como "a esencia" do Camiño, e de aí a súa importancia na loita contra a exclusión social. Ademais, falou sobre os elementos en común de Assisi e Santiago, como a rota realizada en 1214 por San Francisco ata Compostela, ou o establecemento en Santiago do primeiro convento franciscano da península ibérica.

Tras resaltar a importancia do descubrimento da tumba do Apóstolo hai 1.197 anos como "nexo de unión" dos diferentes reinos cristiáns, apuntou o papel clave do Camiño de Santiago na recuperación da orientación cristiá da península. Tamén resaltou o labor da ruta como a "maior rede hospitalaria e asistencia que tivera coñecido a humanidade" e como expresión dos dereitos humanos, á vista da "especial protección" e "solidariedade" recibida polos peregrinos.

Pola súa parte, o síndaco de Assisi, Claudio Rizzi, incidiu nese nexo de unión entre as dúas cidades, que son sedes á súa vez dos patróns dos seus respectivos países: o Apóstolo Santiago de España e San Francisco de Italia. Sobre o Camiño, dixo, "serviu para unir Europa", o que se traduciu no "establecemento de vínculos e no coñecemento das específicas identidades", sen por iso "diminuír o orgullo pola propia identidade". A propósito das xornadas, Rizzi destacou que nelas se fale aos máis novos de conceptos como a inclusión, a reinserción ou a creación de redes de valores.

Sesión de traballo
De seguido tivo lugar unha sesión de traballo e debate presentada por Andrés Fariña, concelleiro de Relacións Institucionais, na que interviron os profesores Javier Aramburu e Ramón Trigo, da Asociación San Guillermo de Arnotegui para falar do Camiño de Santiago como medio de reinserción de mozos reclusos. A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, explicou o proxecto Compostela Integra, un espazo de encontro virtual para profesionais de distintos ámbitos que están a traballar en rede con algún dos dispositivos da Área de Acción Social do Concello de Santiago. Máis información na web do proxecto: www.compostelaintegra.org.

Santiago une a Europa
Na mesma mañá inaugurouse a exposición Santiago une a Europa, tamén no Palazzo Municipale, composta por 19 fotografías da capital galega que dan unha idea da chegada dun peregrino desde que cruza a fronteira do municipio compostelán, en Lavacolla, ata que, unha vez alcanzada a súa meta na praza do Obradoiro, pasea e se perde polas rúas da cidade.

Ademais, a delegación compostelana mantivo un encontro coa presidenta da Rexión da Umbria, Maria Rita Lorenzetti e achegarase ao Centro Italiano de Estudios Composteláns, na Universidade de Perugia, para asistir ás intervencións de Sánchez Bugallo; da directora de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago, Lanzada Calatayud; e do profesor de Filosofía Moral e Historia do Pensamento Contemporáneo da Universidade de Milán, Alberto Pappalardo. Logo será o turno de Fernando López Alsina, profesor da USC, que dará unha conferencia baixo o lema "Santiago de Compostela, cidade e catedral". Para rematar a xornada, a delegación compostelana reunirase con representantes institucionais e sectorais de Perugia na Casa Cónsul Honoraria de España en Italia. Entre outros, estará o presidente da Cámara de Comercio e o Presidente do Ente Provincial de Turismo.

Este é a primeira viaxe prevista no Plan de Difusión de Compostela 2010. Ademais de Assisi, o alcalde estará en Perugia, Narni e Roma, onde asistirá a diversos actos que se enmarcan nas Xornadas de Encontro entre cidades Irmandadas Santiago–Une. A axenda inclúe encontros institucionais a exposicións, diversas sesións de traballo e conferencias, entre as que se inclúe a que terá lugar no Instituto Cervantes de Roma o martes 9 de marzo.

Compartir: