DEPORTES

A Fundación Compostela Deporte deu a coñecer os doce clubs que optan aos premios PIDEVI

05/03/2010 O vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes, Bernardino Rama; o xerente de Área Central e membro do Padroado da Fundación Juan Carlos Losada; e o membro do Comité de Selección Antonio Bermúdez presentaron a V Gala do Deporte Compostelán. Celebrarase o venres 26 de marzo no Hotel Puerta del Camino e neste acto entregaranse as Axudas aos Clubs Federados de Santiago de Compostela e os Premios Deporte e Vida nas Categoría de Saúde, Educación, Benestar e Non Violencia, así como o Premio Especial Deporte e Vida e os trofeos solidarios.

Bernardino Rama explicou o programa para o día 26 de marzo, no que ás 20:30 horas se fará entrega das Axudas aos Clubs Deportivos Federados. Despois terá lugar a Gala do Deporte Compostelán, na que se darán a coñecer os galardoados cos premios PIDEVI. Segundo sinalou, "a Gala é un acto de convivencia de todo o deporte compostelán".

Pola súa parte, Antonio Bermúdez deu a coñecer os doce clubs seleccionados entre os que sairán os gañadores nos apartados de Educación, Saúde, Benestar e Non-Violencia, que percibirán un premio de 2.000 euros. Estes son: Arteal Tenis de Mesa, Asociación ASPAS, Bertamiráns FC, CD Belvís, CD Conxo, Club Hockey Compostela, Club Olímpico de Vedra, Club San Francisco de Teo, E.D. Xuventude Oroso, Hockey Club Raxoi, S.D. A Gaiola e Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS. Os clubs seleccionados que non sexan agraciados con ningún premio percibirán 500 euros.

Así mesmo, tamén se dará a coñecer o Premio Especial Deporte e Vida, de 3.000 euros, para o club seleccionado que sexa merecedor de tal distinción polo seu labor na execución conxunta dos catro programas anteditos. Finalmente entregaranse os Trofeos Solidarios, sen dotación económica: á empresa solidaria e á organización/asociación solidaria.

Documentos relacionados



Compartir: