IGUALDADE

O Concello homenaxea a oito mulleres polo seu labor social

05/03/2010 Como cada ano, o Concello de Santiago súmase aos actos con motivo do Día Internacional da Muller. O acto central será o xoves 11, cun acto de homenaxe a oito mulleres en recoñecemento do seu labor social e en prol da cidadanía.

A concelleira de Igualdade, Mar Martín, presentou este calendario de actos, que comezará o propio Día Internacional da Muller, o luns 8, ás 12:30 horas, co fallo e entrega do I Premio de Ensaio Xohana Torres. Presentáronse cinco traballos a esta edición, que é a primeira destinada a traballos de ensaio, tras 17 edicións dedicadas a traballos de investigación.

Tamén o luns 8 convocarase o III Concurso de ideas sobre a corresponsabilidade familiar na realización das tarefas domésticas. Este certame pretende difundir contribuír á sensibilización de nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria sobre este tema. Estes deberán facer un cartel que ten como lema "¿Cómo cres que se deben repartir as tarefas da casa dentro da túa familia? O prazo de presentación de traballos vai do 8 de marzo ao 8 de maio. Con todos os traballos realizarase unha exposición.

Finalmente, o acto central celebrarase no Hostal dos Reis Católicos o xoves 11, ás 20.00 horas. Será unha homenaxe a oito mulleres que destacan en diversos ámbitos da sociedade. Nesta edición, segundo destacou Mar Martín, escolleuse a oito mulleres cunha ampla bagaxe de traballo social e en prol dos cidadáns.

As homenaxeadas serán: Isabel Gey Pérez, mestra e presidenta da asociación AGADEA; Mª José Fernández Cervera, diplomada en Enfermería e voceira da Plataforma Cidadá Sociosanitaria; Concha Fontenla San Juan, doctora en Historia da Arte Contemporánea e directora da galería Factoría Compostela; Mª del Rosario Fernández Díaz, enfermeira xubilada e ex-xefa de persoal de Enfermería do CHUS, ademais de colaboradora de Vagalume e das Aulas da Terceira Idade; Helena Villar Janeiro, escritora, profesora e directora da Fundación Rosalía de Castro; Concepción Presas Barrosa, catedrática de Dereito Eclesiástico da USC; Pilar Domínguez Noia, matrona xubilada e antiga presidenta da Asociación do Traxe Galego; e Felicia Estevez Salazar, profesora de galego, colaboradora da revista Andaina e activa participante no movemento social da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: