CULTURA

Sergi López, Teatro de la Abadía e o Centro Dramático Nacional na nova tempada de Teatro e Danza en Xira

04/03/2010 Dende 2007, Teatro e Danza en Xira trae a Santiago as mellores compañías de artes escénicas da península e incluso de fóra. Esta ano a Concellería de Cultura e Centros Socioculturais programa un novo ciclo con seis representacións e once funcións que achegarán toda a diversidade do teatro contemporáneo: grandes producións, monólogos, a revisión de clásicos do século XX, obras experimentais e pezas a cabalo entre varios xéneros.

Compañías do prestixio do Centro Dramático Nacional, a Man Drake-Toméo Vergès e Teatro de la Abadía, e actores da sona e o talento de Sergi López, Pere Arquillué, Carmen Machi, Miguel Ángel Solá, Blanca Oteyza e José Luis Gómez, estarán sobre os escenarios do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia nesta nova edición do ciclo. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron "un ciclo que nos permite diversificar a oferta teatral e cumprir unha demanda da cidadanía: ademais do teatro galego, poder ver o mellor do que se está facendo fóra", en palabras da primeira. Socorro García Conde engadiu que "o noso obxectivo é a interculturalidade, colocar a creación galega ao lado e á altura do mellor que se está producindo no mundo".

A programación de Teatro e Danza en Xira 2010 arrancou en febreiro coa representación de Amortal, de Ana Martín Puigpelat. A vindeira función do ciclo será o 10 de marzo no Teatro Principal coa compañía Man Drake-Toméo Vergès, que presenta Idiotas, "unha proposta moi experimental que se sitúa entre o teatro, a danza, o traballo co movemento e a investigación", sinalou Paulo Rodríguez.

O 21 e 22 de abril, Sergi López estará no Teatro Principal para poñer en escena Non solum, un espectáculo creado polo propio López e Jorge Picó, que dirixe este último. Trátase dunha comedia existencial na que un home só se multiplica para responder unha pregunta: "¿que está pasando aquí?". Ese home está representado por López, un dos actores con maior proxección dentro e fóra do Estado polos seus papeis cinematográficos en filmes como Western, O labirinto do fauno ou Mapa dos sons de Tokio.

Un mes despois, o 21 e 22 de maio, o Centro Dramático Nacional trae ao Auditorio de Galicia un espectáculo de gran formato: Platonov. "Trátase dunha obra de xuventude de Anton Chejov, que Juan Mayorga dinamiza, acurta e clarifica", explicou Paulo Rodríguez. Se o texto é dun dos grandes autores da historia do teatro e a versión dun dos máis recoñecidos dramaturgos actuais, a dirección corre por conta de Gerardo Vera e o elenco fórmano nada menos que 19 actores e actrices, entre os que destacan Pere Arquillué e Carmen Machi. Platonov é unha obra mestra sobre a caída dun home e sobre a extinción dun mundo, un fresco apaixonante onde os personaxes senten a dor de vivir que planeará sobre os caracteres das grandes obras posteriores do escritor ruso.

A penúltima peza do ciclo será Por el placer de volver a verla, de M. Tremblay, que estará o 18 e 19 de setembro no Teatro Principal. Manuel González Gil dirixe a Miguel Ángel Solá e Blanca Oteyza nunha obra cun carácter máis comercial, na que os protagonistas se atopan no escenario para falar dos recordos, o amor e outros sentimentos.

O ciclo péchao o Teatro de la Abadía os días 16 e 17 de outubro. No Auditorio de Galicia porán en escena Fin de partida, de Samuel Beckett, coa dirección dun nome de referencia no teatro actual, Krystian Lupa, Premio Europa de Teatro 2009. Encabeza o elenco José Luis Gómez, toda unha institución no eido teatral, dunha categoría referendada por numerosos premios. Xunto a el estarán Susi Sánchez, Ramón Pons e Lola Cordón para volver sobre un dos grandes clásicos de Beckett, a obra que realizou despois de Esperando a Godot e na que afonda no teatro do absurdo a través dun universo pechado no que se recrea o mito da caverna.

As entradas están xa á venda no despacho de billetes electrónico de Caixa Galicia. As funcións no Teatro Principal teñen un prezo de 12 euros en patio de butacas, platea e primeiro andar, 8 euros no segundo andar e 6 euros no anfiteatro. Para as funcións no Auditorio de Galicia o prezo é de 12 euros, con desconto do 50% para xubilados e menores de 25 anos.

Documentos relacionados



Compartir: