BENESTAR SOCIAL E EDUCACIÓN

CEIP Apóstolo Santiago, un modelo de convivencia e de educación en valores

04/03/2010 Co fin de destapar falsos mitos e crezas, o CEIP Apóstolo Santiago organiza unha xornada de portas abertas o martes 9, de 10:00 a 14:00 horas. Será unha boa oportunidade para que os pais coñezan as instalacións, o persoal e as actividades deste centro pero, sobre todo, a súa exemplaridade como modelo de interculturalidad e de educación en valores.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, explicou que existen "unha lenda" negra en torno ao Colexio Apóstolo Santiago que non se corresponde en absoluto coa realidade, e que ten motivado a redución da matrícula neste centro nos últimos anos. Moi ao contrario, a concelleira destacou a riqueza que supón a interculturalidade neste colexio e a modélica integración e convivencia de etnias e nacionalidades.

Así o confirmou tamén a directora do centro, María Ramas, e dúas nais que teñen os seus fillos escolarizados no Apóstolo Santiago, Mercedes Vaamonde e Lanzada Calatayud. Esta última referiuse á "convivencia modélica" que se dá no centro coa etnia xitana e cos alumnos e familias procedentes doutros países. Por iso, animou aos país a coñecer o centro, ao persoal e aos outros país, co obxecto de desbotar "mitos e prexuízos" inxustificados. Tamén Mercedes Vaamonde salientou os "grandes profesionais" do centro e a súa aposta por "educar en valores".

Nesta mesma liña se pronunciou a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, ao apuntar as "grandes fortalezas" do Colexio Santiago Apóstol e o seu "dinamismo". En particular, referiuse á participación activa dos alumnos do centro nalgunhas das actividades da Escola Municipal de Música, encadrada no mesmo barrio.

90 matriculados
A directora do Apóstolo Santiago, María Ramas, recordou que na actualidade hai matriculados 90 alumnos, pero que estarían en condicións de duplicar a matrícula, sempre mantendo os estándares de calidade e de números de alumnos por aula. Na súa intervención recordou todas as actividades e instalacións das que dispón a escola, ademais da propia xornada de portas abertas. Non obstante, dixo "calquera pai pode vir a coñecer o colexio outro día".

Como valores engadidos, falou da situación do colexio, entre os parques de Bonaval e da Almáciga, se ben incidiu en que as comunicacións non son as máis idóneas. Malia iso, lembrou Lanzada Calatayud, na Escola Municipal de Música si medran as matrículas cada ano, pero no Apóstolo Santiago non. De aí a necesidade dar a coñecer a verdadeira e exemplar realidade do colexio.

Compartir: