ALCALDÍA

O alcalde di que "non contempla a hipótese dunha segregación de Medicina"

02/03/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse esta mañá ás últimas informacións en relación á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. "Sen entrar a valorar o documento subscrito polos tres reitores cos conselleiros de Educación e de Sanidade –dixo- o que non se contempla é a hipótese dunha segregación da Facultade de Medicina ou que esta abandone o ámbito da USC".

Sánchez Bugallo expresou o seu desexo de que os candidatos a reitores "expliciten" a súa postura neste tema, pero agarda que "sexa cal sexa o equipo reitoral que saia das urnas" se comprometa "co proxecto do Campus de Ciencias da Saúde, que contempla a Facultade de Medicina e as escolas de Enfermería e de Estomatoloxía". Nese sentido, reiterou que "non contemplamos nin apoiaremos unha segregación fóra do ámbito da USC".

Ofreceu "colaboración leal" ao futuro equipo reitoral e o "respaldo que sempre lle demos e lle daremos á USC", pero sempre respectando este marco.

Compartir: