BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE

A Mesa de Concertación do Pacto Local pola Conciliación coñeceu o "Diagnóstico sobre os horarios e usos do tempo"

01/03/2010 A Casa do Concello acolleu a primeira Mesa de Concertación do Pacto Local pola Conciliación da cidade de Santiago de Compostela. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu esta mesa, na que se presentou o Diagnóstico sobre os horarios e usos do tempo da cidade de Santiago. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, dará todos os detalles deste diagnóstico nunha rolda de prensa que se celebrará o martes 2 a partir das 11:00 horas.

Ademais do alcalde e da concelleira de Benestar Social e Igualdade, participaron nesta mesa outros representantes municipais e de entidades como CC.OO, CIG, UXT, Universidade de Santiago, Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Cámara de Comercio de Santiago, Asociación de Veciños Raigame (Ensanche), Asociación de Veciños Río Sarela (A Peregrina) e Federación de ANPAS de Compostela. Todos estes axentes debateron algunhas das propostas de mellora que terán como resultado final o primeiro acordo municipal nesta materia.

A principal finalidade desta primeira reunión era a presentación e validación dos resultados do recente Diagnóstico sobre os horarios e usos do tempo da cidade de Santiago. Este estudo, que encargou a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, servirá como documento base para a planificación e articulación de todas aquelas medidas municipais que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral da cidadanía compostelá, permitindo desta forma mellorar a súa calidade de vida.

O documento forma parte do Plan de Programación do Tempo no Concello, iniciativa que se suma á xa en funcionamento do Banco do Tempo, promovidas ambas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Compartir: