CULTURA

O catálogo do VI Premio Auditorio reúne en formato dixital as 35 obras seleccionadas

01/03/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron o catálogo do VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas 2009. Un catálogo que, baixo a aparencia dun pequeno libro, agocha un disco compacto que recolle en formato dixital as 35 obras seleccionadas nesta edición do premio. Na mesma presentación anunciaron o gañador do último galardón do certame, o que outorga o público. Conseguiuno Joan Morera, pola súa obra Vigo-Dakar.

García Conde cualificou a exposición do VI Premio Auditorio de Galicia como "un éxito". Para a edil, este certame "dá a oportunidade a artistas novos a saír ao mundo real das exposicións e os premios". Tamén subliñou a aposta que nese mesmo sentido realiza a Concellería de Cultura de Santiago na Zona "C", un centro expositivo dedicado ás propostas dos creadores máis novos.

A concelleira destacou a calidade das propostas que se puideron ver de decembro de 2009 a febreiro de 2010 na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, e a variedade de formatos nas que se presentaron. Esta variedade é unha das razóns que levaron a editar o catálogo en formato dixital, xunto co aforro que implica, tanto desde un punto de vista ecolóxico como económico. "Este catálogo reúne unhas características de calidade que nos permiten estar moi contentos e contentas co resultado". Entre as vantaxes do formato dixital, destacou que se poderá manexar a información de maneira máis áxil, favorecendo un achegamento moi detallado ás obras. Tamén permitirá poder ver de forma íntegra as presentadas en formato vídeo ou incluso acceder a información sobre as creacións que non era posible ver na exposición.

O catálogo inclúe textos introdutorios da concelleira de Cultura e Centros Socioculturais e de Ignacio Barcia, decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e membro do xurado. Ademais presenta unha sección de vídeos na que se pode facer un percorrido virtual pola exposición, asistir ao proceso de montaxe ou ver a inauguración da mostra.

O Premio do Público
O único premio do certame do que ata agora non se coñecía o gañador era o do público. Unha vez contados os votos dos asistentes á mostra ao longo dos últimos tres meses, resultou vencedor Joan Morera, coa obra Vigo-Dakar. Con 270 votos, foi a máis apreciada polo público por diante de Bernabé e Concha, de Jesús Madriñán, e Relatos incompletos, de Nuria Ruibal. Vigo-Dakar é unha proxección de fotografías polaroid dixitalizadas, coas que o artista reflexiona sobre a paisaxe e sobre as migracións. Morera pediulle a un inmigrante senegalés que lle sinalase lugares de Vigo que lle recordaban a espazos do seu país natal, para logo fotografalos e amosalos nesta serie.

A obra xa fora elixida polo xurado como merecedora dun dos catro accésits do concurso. Joan Morera recibirá 1.200 euros polo premio do público. O primeiro premio desta edición recaeu en Holja Méndez, pola obra Reflexos: réplicas (Diálogos en Unland). Ademais de Morera, recibiron accésit Tamara Feijoo Cid por Antropofaxia; Damián Ucieda por Home gritando núm. I e para o colectivo Fur Alle Falle por Os Lolos 23F.

Compartir: