ALCALDÍA

O Concello pon en marcha un Plan de Difusión Exterior de Compostela 2010

26/02/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou as liñas básicas do Plan de Difusión Exterior de Compostela 2010, no que o Concello vén traballando dende hai tempo e que se concretará nas vindeiras semanas. Segundo indicou, este é un programa que "nace dende o compromiso e a responsabilidade política deste Concello para potenciar e acelerar a difusión e promoción de Santiago e de Galicia en beneficio de todos os galegos".

Sánchez Bugallo afirmou que este Plan ten un espírito "conciliador e colaborador con outras accións divulgativas" doutras administracións. O seu obxectivo é "sumar e complementar esforzos para alcanzar o éxito do Xacobeo 2010", apostando decididamente por "aumentar a motivación de españois, europeos e americanos para que visiten unha cidade que ofrece unha opción patrimonial, cultural, espiritual e de ocio única no mundo".

O Plan de Difusión Exterior "Santiago 2010" articúlase a través dun programa de accións exteriores de comunicación, relacións públicas e promoción de visitas. "Vimos traballando no deseño de encontros con líderes de opinión e medios de comunicación nacionais e internacionais para promover a difusión da cidade e sensibilizar á opinión pública sobre a oportunidade que representa visitar Santiago e Galicia". Ademais, prepáranse "encontros sectoriais multidisciplinares con colectivos profesionais da arquitectura, o patrimonio, a empresa, o turismo, a xuventude, a cultura ou a educación". Anunciou o alcalde que na semana entrante se producirán as primeiras reunións.

Este programa tamén contempla a organización de xornadas e conferencias informativas en diferentes cidades europeas. Aínda que este capítulo aínda non está pechado, avanzou que se irá a cidades españolas, italianas, francesas e portuguesas, sen descartar tampouco a promoción de Santiago nalgunha cidade americana, contando coa colaboración de Turespaña.

Outra das accións previstas é o irmandamento con cidades europeas "como unha acción compartida de identidade europea no marco da presidencia española da Unión Europea". Finalmente, proxéctanse exposicións específicas.

O alcalde indicou que estas accións promocionais se realizarán "cos recursos humanos e materiais dispoñibles; non se prevé a ampliación de gastos, senón a reasignación de partidas xa existentes". O único financiamento adicional dispoñible é europeo, no marco do programa Santiago Une, que se incorpora a este Plan de Difusión Exterior.

Compartir: