MERCADOS

O Concello valora positivamente a moción para axilizar as obras de rehabilitación do Mercado de Abastos

25/02/2010 O Concello e a Concellería de Mercados valoran positivamente o compromiso acadado pola Comisión de Vivenda do Senado, que vén de aprobar unha moción para que se leven a cabo o antes posible as obras de rehabilitación do Mercado de Abastos compostelán.

Lembramos que en maio de 2009 as tres administracións pecharon un acordo orzamentario para o Mercado de Abastos cos compromisos de crédito correspondentes para os anos 2010, 2011, e 2012 por un total de 5.061.288,90 euros. Acordouse que o reparto era proporcional: o 50% para o Ministerio de Vivenda, o 22.45% para a Consellería de Economía e o 27.55% para o Concello. Dende ese momento, os compromisos orzamentarios son firmes e as retencións de crédito están fiscalizadas.

O convenio foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de outubro do 2009 e posteriormente pola Xunta de Goberno do Concello. Neste momento, e só por unha nova achega na redacción referente á lexislación aplicable polas tres administracións, está pendente do visto bo das asesorías xurídicas das administracións central e autonómica.

O calendario de obra xa está reaxustado ás novas anualidades e unha vez que teña o prace da Xunta será remitido ao Ministerio para a firma e posterior licitación. Polo tanto, non é certo que non haxa compromiso por parte do Concello e do Goberno central. É de resaltar que nun momento de dificultade orzamentaria, onde son moitos proxectos os que están a sufrir revisións nas súas partidas, as tres administracións manteñen o seu compromiso na rehabilitación do Mercado de Abastos.

Compartir: