TURISMO

Roma, Xerusalén e Santiago celebran a primeira reunión para a súa integración turística

18/11/2005 Santiago de Compostela acollerá o próximo 13 de decembro a primeira xuntanza dos responsábeis turísticos das tres cidades santas da Cristiandade, que formalizarán un proxecto para a súa promoción turística conxunta.

Durante a reunión en Compostela darase forma definitiva á alianza denominada ‘Cidades Santas’, a través da cal se promoverá o turismo relixioso e cultural cara ás tres metas de peregrinación da Cristiandade.

A idea básica é deseñar un circuíto turístico tipo ‘touring’ que aproveite a recente mellora das conexións directas do aeroporto de Lavacolla con Roma, e a conexión entre Roma e Xerusalén, para integrar nun só paquete a visita ás tres cidades. Este novidoso produto turístico sería promovido con especial atención nos mercados afastados como Xapón ou Estados Unidos, e a longo prazo, en China.

Unha vez madura, a proposta será presentada ao programa europeo ‘Euromed’, que atende proxectos de cooperación entre países europeos e terceiros países da área mediterránea.

De acordo con Francisco Candela, concelleiro de Turismo, a alianza supón ‘a creación dunha moi atractiva oferta turística que terá un especial impacto non só en Europa, senón tamén sobre mercados distantes’ e que necesitará da ‘implicación das autoridades relixiosas, municipais e turísticas dos tres destinos’ para estar definitivamente en marcha dentro de dous o tres anos.

En busca da internacionalización
O proxecto ‘Cidades Santas’ forma parte dun paquete de actuacións internacionais coas que Turismo de Santiago pretende convertir á Cidade do Apóstolo nun referente turístico mundial, nun ano que, como 2005, ven de marcar o despegue para a crecente presenza de turistas estranxeiros na cidade.

Dentro destas iniciativas de internacionalización enmárcanse así mesmo feitos como o ingreso de Santiago á Organización Mundial do Turismo, o próximo 29 de novembro na Asemblea Xeral de Dakar; a sinatura dun convenio coa China Business Network para a promoción da capital galega nese país; e os contactos mantidos durante a feira World Tavel Market coa European Cities Tourism, rede de cooperación que agrupa ás 70 máis destacadas urbes turísticas do continente e que exerce a súa representación ante a Comisión Europea a través da European Travel Commission.

Compartir: