PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Concellería de Participación Cidadá convida os veciños a facer o Camiño de Santiago a través de nove rutas

24/02/2010 Fai o Camiño connosco. Así reza o lema co que a Concellería de Participación Cidadá quere convidar a todos os cidadáns a realizar o Camiño de Santiago neste Ano Santo. Para iso, ofrécelles a posibilidade de chegar a Compostela a través de nove rutas distintas: cinco de sendeirismo, tres tradicionais e unha marítima.

A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou esta iniciativa, que se pon en marcha coa colaboración do Club de Sendeirismo Vía Láctea e no marco do programa Xacobeo 2010, Espazo de Participación. Neste ano no que todos os camiños conducen a Santiago, ofrécese a posibilidade de realizar cinco rutas de sendeirismo, duns 20 quilómetros cada tramo; tres rutas tradicionais polas etapas galegas dos camiños francés, portugués e de Fisterra; e unha ruta marítima polo mar de Arousa.

Esta é tamén unha oportunidade para fomentar a práctica do sendeirismo, segundo salientou o presidente de Vía Láctea, Antonio Pose, quen animou a todos a participar deste programa. Entre os que se unirán á iniciativa estarán o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que realizará o 13 de marzo a primeira etapa de sendeirismo dende Sigüeiro.

Outra das propostas parte de Salceda, polo Camiño francés primitivo do Norte e a terceira ten a súa orixe en Ponte Ulla, neste caso a través da ruta da Prata. O tramo polo Camiño portugués partirá de Padrón e o do Camiño de Fisterra transcorrerá entre Negreira e Santiago.

Camiños tradicionais e ruta por mar
Se a elección son rutas tradicionais, as opcións son tres. Polo Camiño francés, establécese unha rota de cinco etapas dende Sarria (113 km), mentres que polo Camiño portugués sairase de Valença do Miño para chegar a Santiago despois de seis etapas e 109,7 quilómetros. Estas dúas rutas permitirán obter a Compostela. A terceira posibilidade é realizar o Camiño de Fisterra, percorrendo 122 quilómetros dende Santiago a Muxía.

Realizaranse as etapas os sábados. Así, a primeira etapa do Camiño francés realizarase o 20 de marzo, percorrendo o resto do tramo ao ritmo dunha etapa cada sábado. O Camiño portugués comezará o 22 de maio e neste caso farase unha etapa cada dúas semanas. A primeira etapa da última das rutas terá lugar o 11 de setembro, tamén ao ritmo dunha etapa cada dúas semanas.

Finalmente, a ruta do Mar de Arousa e Ulla realizarase o 10 de xullo. Sairase en autobús cara O Grove e dende alí partirá unha travesía de tres horas en catamarán con degustacións de mexillóns, empanada e viño nun percorrido de 23 quilómetros ata Pontecesures pola ría de Arousa. Logo continuarase camiñando ata Santiago, facendo paradas culturais polo percorrido.

En autobús ata o punto de partida da etapa
Poden facer estes camiños as asociacións e calquera cidadán interesado na iniciativa. O inicio de cada tramo será o punto de chegada do anterior. A viaxe de ida e volta ata este punto de partida realizarase en autobús, que sairá da Casa das Asociacións. As saídas están previstas para as 9:00 horas e as chegadas sobre as 19:00 horas. O prezo de cada etapa será de cinco euros, agás as da ruta do mar de Arousa.

Os interesados poden facer a súa preinscrición persoalmente ou por teléfono na Casa das Asociacións, para posteriormente pagar a tarifa da viaxe na conta bancaria disposta ao efecto. Máis información na Casa das Asociacións, na rúa Manuel Beiras, 3 (antiga estación de Cornes), no teléfono 981 542 350 ou nas seguintes direccións: participacioncidada@santiagodecompostela.gal, faiocaminoconnosco@gmail.com ou vialactea@gmail.com.

Todos estes aspectos aparecen nun folleto, do que se editaron cinco modalidades. Nesta publicación, ademais das instrucións para anotarse nesta iniciativa, ofrécese unha descrición de cada unha das rutas e unha serie de consellos útiles para realizar o Camiño, relativas a cuestións coma o equipamento, a comida, a seguridade ou o clima.

Exposición e suxestións
Ademais, aproveitando esta iniciativa realizarase o certame fotográfico Instantáneas Xacobeas. Permitirá recoller nunha exposición momentos singulares, instantáneas da paisaxe ou curiosidades do camiño recollidas polos participantes nas súas cámaras.

Os camiñantes tamén poden deixar as súas imprensións, queixas e suxestións nunha "mochila de suxestións".

Documentos relacionados



Compartir: