TURISMO

Ferran Adrià participou na primeira xornada do congreso profesional do Fórum

22/02/2010 Ferran Adrià, o Fórum Doce e o III Encontro de Bloggers Gastronómicos foron os eventos máis destacados da primeira xornada do congreso profesional do Fórum Gastronómico Santiago 2010. O martes 23 é o día do Fórum Viño.

A primeira xornada do congreso profesional do Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, que se celebra en Santiago de Compostela, contou co que é actualmente o cociñeiro máis relevante do panorama internacional, o catalán Ferran Adrià. Primeiro ofreceu unha sesión inédita na que preparou en directo un resumo dos pratos máis representativos do que se podería chamar a súa "colección 2009", para a continuación desvelar o futuro de El Bulli, que se converterá en Fundación no ano 2014, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e polo codirector do Fórum, Pep Palau.

Xa pola tarde, Ferran Adrià visitou os diferentes expositores da feira. Despois participou no diálogo 25 anos de cociña creativa: mitos, xenios e cociñeiros, xunto a Jacques Maximin e Marcelo Tejedor. Esta foi a primeira ocasión na que Adrià e Maximin, a quen o catalán cualificou como o cociñeiro máis importante dos últimos 50 anos, interviñeron xuntos en público.

O luns foi tamén o día dedicado á cociña de sobremesa co Fórum Doce, que contou coa presenza dos mellores reposteiros e pasteleiros. Os cataláns Ramon Morató e Jordi Butrón, o danés Jakob Mielcke e o milanés Ernst Knam mostraron a súa arte en directo na Sala Cunqueiro. A sala Ateneo acolleu o III Encontro de Bloggers Gastronómicos, con conferencias e mesas redondas nas que se debateu sobre o presente e o futuro dos blogs.

O Fórum tamén tivo espazo para a cociña galega de Pedro Roca e Flavio Morganti, a asturiana de Nacho Manzano ou a cociña vasca de Pedro e Aitor Arregui. A cociña de frío extremo de Agnar Sverisson e a cociña de vangarda portuguesa de Antonio Vieira completaron o programa.

Dentro das actividades programadas polos expositores celebrouse unha sesión de Pesca de Rías, unha cata de viños da Adega Ponte da Boga e a presentación de Edicións Trea.

Documentos relacionados



Compartir: