ALCALDÍA

Prosperan as teses do Concello para evitar a execución da sentenza sobre o vieiro Clara Campoamor

22/02/2010 O pasado 15 de febreiro, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou un auto que estima o incidente de inexecución de sentenza promovido polo Concello de Santiago. Deste xeito, dálle a razón ao goberno municipal en relación coa sentenza de 14 de marzo de 2007 que anulou un dos expedientes de expropiación tramitados para a obtención dos terreos destinados ao vieiro Clara Campoamor (Sar-Pontepedriña).

O auto estima os argumentos esgrimidos pola Administración municipal relativos á imposibilidade legal e á desproporción inherentes a unha execución que implicase a devolución dos terreos e, polo tanto, o peche do citado vieiro.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estima que a aprobación, posterior ao expediente de expropiación, da Revisión do Plan Xeral incorporando ás súas determinacións o trazado do vieiro constitúe un suposto de "imposibilidade legal de execución", de acordo coa xurisprudencia do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional ao respecto. Polo tanto, non cabe o levantamento da vía, como pretendía o recorrente.

Por outro lado, a Sala entende tamén materialmente desproporcionada esta medida en tanto que a devolución dos terreos ao recorrente suporía un caos circulatorio.

En conclusión, de acordo co devandito auto, que recolle as teses defendidas polo Concello, non será necesaria a devolución dos terreos e o vieiro Sar-Pontepedriña continuará aberto ao tráfico.

Compartir: