FÓRUM GASTRONÓMICO

Os amantes da cociña déronse cita en Amio

21/02/2010 A xornada do domingo 21 foi a de apertura ao público en xeral do Fórum Gastronómico Santiago 2010 no recinto feiral de Amio. Malia a adversa climatoloxía, milleiros de persoas desprazáronse á sede do Fórum para gozar da oferta dos diversos expositores ou para participar nas actividades do día.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta segunda edición do Fórum Gastronómico en Santiago e percorreu os diversos expositores da feira. Abríase así unha xornada chea de actividades, que comezou con talleres de degustación dos produtos da comarca do Ferrol, Ortegal e Eume e de cociña da montaña. Ao longo do día sucedéronse outras catas de granxa familiar, cervexa, repostería monacal, produtos do mar ou viños, entre outras. Ademais, algúns dos expositores ofrecían as súas propias demostracións.

Os nenos aprenderon a cociñar de maneira saudable no Fórum Nenos e os maiores puideron asistir a diferentes conferencias no auditorio, relativas a cuestións como as cociñas do Camiño, a cociña nos Paradores, o certame Santiago(é)Tapas ou poesía visual culinaria.

Para a xornada do luns 22 está prevista a primeira das tres xornadas destinadas a congresistas do Fórum Gastronómico, polas que pasarán algúns dos cociñeiros máis recoñecidos do panorama mundial, español e galego. Destaca pola súa repercusión a presenza de Ferran Adrià, que ofrecerá unha rolda de prensa e participará en dúas sesións no auditorio. Nesta xornada celebrarase o Fórum Doce, que traerá a Santiago a reposteiros como Ramón Morató, Ernst Knam, Jakob Mielcke ou Jordi Butrón. Xunto a eles, estarán outros nomes como Agnar Sverisson, Dominique Roujou, Pedro e Actor Arregui, Jaques Maximin, Marcelo Tejedor ou Nacho Manzano, entre outros.

Compartir: