ALCALDÍA

A escola infantil de Tras Parlamento estará lista para o curso 2010-2011

19/02/2010 As obras da futura escola infantil de Tras Parlamento, no parque da Constitución, comezarán no mes de abril, co obxectivo de rematalas no verán e de que estea lista para entrar en funcionamento no curso 2010-2011. Esta será a sétima escola infantil da cidade; a seguinte, a de Salgueiriños.

Con esta nova escola infantil, Santiago achégase xa aos estándares marcados pola Unión Europea, fixados en 30 prazas públicas en escolas infantís por cada 100 nenos de entre 0 e 3 anos. Así, o indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen apuntou que coa futura escola de Salgueiriños, estes estándares serán superados, situando a porcentaxe de prazas públicas nun 32-33%. Coas 150 prazas de Salgueiriños, Santiago contará cunhas 640 prazas para os aproximadamente 2.000 nenos destas idades censados na cidade.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, explicou que a nova escola de Tras Parlamento terá 61 prazas, con catro unidades: unha para nenos de 0 a 1 anos, outra para rapaces de 1 a 2, e dúas unidades para nenos de 2 a 3 anos. Recordou que esta obra suporá a transformación das instalacións que nun tempo ocuparon as dependencias de Benestar Social, pero que inicialmente xa foran concibidas para unha escola infantil. A Consellería de Traballo e Benestar encargarse do persoal e do equipamento da gardería.

Esta escola sumarase así ás de Conxo, Fontiñas, Vite, Alameda, San Roque e Polígono do Tambre. A seguinte en pórse en funcionamento será a de Salgueiriños, prevista para uns 150 rapaces e cuxo proxecto estará listo no mes de marzo, unha vez resolto tamén o cambio de uso da parcela na que se situará. Sánchez Bugallo anunciou que, previsiblemente, esta escola será de xestión municipal, como as de Conxo e Fontiñas.

Campus Vida
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén falou do Campus Vida, proxecto da Universidade de Santiago que será presentado ao Consello Económico e Social o luns 22. Indicou que este é unha "aposta estratéxica" e unha "enorme oportunidade para Santiago, Galicia e o noroeste da Península", que precisará para saír adiante da implicación autonómica, ademais da municipal e estatal. Así, referiuse á achega do Estado de 7,5 millóns de euros ao Campus Vida, pero incidiu que requirirá "un investimento minimamente razoable de máis de 24 millóns de euros".

Con todo, dixo, o Goberno local xa ten listo o borrador do convenio coa USC, en virtude do cal o Concello realizará a expropiación dos terreos do grupo San Ignacio de Loyola, coñecido como Banco do Pobre, para completar a parcela na que se prevé construír a nova Facultade de Medicina e as escolas de enfermería e de estomatoloxía. Cifrou en máis de 3 millóns de euros o custo desta expropiación, que a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) tería que realizar nun prazo de dous anos, adiantando esta cantidade á espera de tempos máis favorables para a venda dos terreos que o Concello obterá a cambio.

Ampliación de crédito
Outro dos asuntos abordado por Sánchez Bugallo foi a ampliación de crédito de algo máis de 4 millóns de euros para facer fronte a obras cuxo financiamento está comprometido con cargo a outras administracións. É o caso do convenio de travesías e o do Casco Histórico. Este expediente de crédito será levado ao Pleno ordinario do 25 de febreiro.

Ademais, referiuse ao esforzo aforrador que seguirá a realizar o Concello no complexo escenario económico actual. Así, ademais dos 3,5 millóns de aforro xa anunciados, prepáranse medidas para aforrar aproximadamente outro millón de euros. Este aforro atinxe a gastos correntes que se imputarán ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local e a outras medidas de aforro que está a preparar a Concellería de Facenda. En calquera caso, aclarou, o obxectivo municipal é "non minorar ningunha prestación social nin servizo básico e manter o programa de obras".

Xacobeo 2010
"Espero resultados", reiterou Sánchez Bugallo a preguntas sobre o Xacobeo 2010. "Colaboraremos en todo o que poidamos e desexamos o máximo acerto posible, pero a realidade é a que é; a administración que ten todos os recursos é a que ten que xestionalos", engadiu. Neste sentido, expresou o seu desexo de que "a campaña de comunicación sexa efectiva", previndo que se podan ter xa "datos de peso" na segunda quincena de marzo.

Fórum Gastronómico
Tamén no ámbito turístico, cualificou o Fórum Gastronómico, que se celebrará do 20 ao 24 de febreiro, como un "gran evento" e apuntou que "a segundo motivo das visitas a Santiago e a Galicia é a cociña". Recoñeceu que é "unha iniciativa custosa" e que mesmo se chegou a pensar na posibilidade de suspender a súa celebración este ano no momento en que non estaba garantido que a Xunta asumise os convenios coas compañías aéreas de baixo custo subscritos por Incolsa.

Pórtico da Gloria
Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción por que a Xunta de Galicia se implique nas obras do Pórtico da Gloria, e recordou que a solución deste tema foi unha das cuestións que lle solicitou a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, nunha recente entrevista. Ademais, demandoulle a inclusión do Plan Director da Catedral no Plan Nacional de Catedrais, un asunto que tamén quere incluír o alcalde na axenda da reunión do Real Padroado prevista para o 23 de xullo.

Afirmou que as obras de restauración deste Plan Director durará máis de 10 anos e que o horizonte debería situarse no seguinte Ano Santo, en 2021. O custo de todas estas intervencións fixouno nun mínimo de 10 millóns de euros, "pero poderían chegar aos 20 millóns de euros".

San Roque, festivo local
Finalmente, o alcalde defendeu a permanencia do día de San Roque como festivo local. "De momento non se vai cambiar", dixo, anticipando que "nin neste ano, que xa non é posible, nin no que vén, se vai tomar esa decisión".

Compartir: