COMERCIO

Media Lúa, Xocoátel e Marabillas, premiados no Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico 2010

18/02/2010 Xa se coñecen os nomes dos comercios gañadores do Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico 2010. Son, por esta orde, a tenda de marroquinería, Media Lúa, o estabelecemento especializado en chocolates Xocoátel e a tenda de decoración Marabillas.

Cada un dos estabelecementos gañadores beneficiarase dun espazo publicitario en prensa local e dunha cea para dúas persoas nalgún dos restaurantes que participan no Fórum Gastronómico. O obxectivo deste certame é contribuír á dinamización e promoción dos comercios da cidade aproveitando a celebración dunha cita internacional que en 2008 recibiu a visita de case 15.000 persoas.

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, deu a coñecer o nome dos tres comercios premiados nesta edición especial do Concurso de Escaparatismo. Estaba dirixido a todos os estabelecementos comerciais de Santiago de Compostela, estiveran ou non relacionados coa alimentación, aínda que se valoraba a ambientación de temática gastronómica, xunto a outros factores como a orixinalidade, a eficacia da mensaxe publicitaria, e a integración dun mandil do Fórum Gastronómico (que a organización repartiu entre os estabelecementos inscritos) na composición do escaparate.

Integración da temática gastronómica
En primeiro lugar clasificouse a tenda de artesanía en coiro Media Lúa, situada na rúa Travesa, número 5. O xurado acordou darlle o primeiro premio pola calidade estética da composición; pola integración que fai da temática gastronómica (a comida dos pratos son os propios artigos que venden); e pola eficacia da mensaxe publicitaria, con carteis lembrando que tamén realizan produtos utilizados en restauración.

A tenda especializada en chocolates Xocoátel, situada na avenida Rosalía de Castro, número 3, acadou o segundo premio. O xurado valorou a inmediatez da escena mostrada no escaparate, que destaca pola súa orixinalidade e a posta en valor dos mestres chocolateiros. O mandil do Fórum Gastronómico, e o cartel de "Próximo showroom en 30 minutos" completan un conxunto que semella unha foto do Fórum.

O terceiro premio foi para a tenda de decoración Marabillas, situada na rúa de Fernando III O Santo, número 5. Na decisión, o xurado tivo en conta a calidade estética da composición, a integración do mandil, e a utilización da imaxe do Fórum Gastronómico, cun predominio das cores negra e vermella e das bolboretas.

Os tres comercios recibirán como premio un espazo publicitario na prensa local, e unha cena de balde para dúas persoas en algún dos restaurantes que participan no Fórum. Está previsto que o diploma no que figuran os premios se lle entregue aos estabelecementos o xoves, día 25, nun acto no que tamén se entregarán as bandas aos gañadores da Edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo. O xurado estivo composto por representantes de asociacións do sector comercial da cidade, da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, da organización do Fórum Gastronómico 2010, e por un experto na materia.

Compartir: