FESTAS

O desfile do Antroido puxo o broche de ouro ás festas cunha alta participación de concursantes e público

16/02/2010 O Antroido de Compostela chega ao seu fin despois de vivir o gran desfile e concurso de comparsas e carrozas na tarde do martes 16. Centos de persoas ateigaron as beirarrúas do centro da cidade para non perder detalle dos espectáculos que desfilaron dende Santiago de Chile ata a avenida de Xoan Carlos I. A pesar da fría tarde, a ausencia de chuvia permitiu gozar dun gran desfile.

O Antroido de Compostela chega ao seu fin despois de vivir o gran desfile e concurso de comparsas e carrozas na tarde do martes 16. Centos de persoas ateigaron as beirarrúas do centro da cidade para non perder detalle dos espectáculos que desfilaron dende Santiago de Chile ata a avenida de Xoan Carlos I. A pesar da fría tarde, a ausencia de chuvia permitiu gozar dun gran desfile.

Esta edición caracterizouse por unha participación moi variada, con comparsas e carrozas chegadas de moitos lugares de Galicia: Louro (Muros), Portonovo, Sanxenxo, Negreira, Pontecesures, Vilagarcía de Arousa, Visantoña (Santiso), Noia, A Estrada, Melide, Lousame, Milladoiro ou Teo. E por suposto, tamén participaron un gran número de asociacións, colectivos e as tradicionais comparsas da cidade: A Ruliña de Laraño, Os Conformistas de Conxo, Os Garanduxos, a Asociación de Veciños de Compostela Vella, Amigos de Chimpos, Agrupación Coral Castrosúa, centros socioculturais da cidade, Colexio Doña Enma e a Asociación para a Promoción Intercultural Gondwana.

En diferentes tramos do percorrido, as comparsas freaban o seu paso para facer unha serie de bailes e coreografías e divertir ao público. O mesmo fixeron ao chegar á praza de Galicia, onde diante do xurado (subido aos balcóns do Hotel Compostela) despregaron toda a graza e bo facer para gañar o seu favor e poder optar a algún dos premios.

Premios cuantiosos
O primeiro premio de carrozas foi para "Un día no Mississipi" que recibiu 2.000 euros. Este espectáculo chegaba da man da Asociación VS Villalonga de Sanxenxo, que na súa cuarta participación en Santiago presentou unha espectacular carroza en forma de barco. Ademais, desfilaba cunha comparsa de 65 persoas.

Na categoría de comparsas, o primeiro premio, dotado con 2.000 euros, recaeu en "Paraíso floral", do barrio de Vite. A comparsa "Conto e fantasía", dos centros socioculturais de Santiago, alzouse co premio especial para a mellor comparsa dos barrios da cidade, dotado con 600 euros. Ademais cómpre destacar, a vitoria de "Os Comenenos" na categoría de parellas, polo que recibiron 300 euros; en individuais, o primeiro posto foi para "WC", con 150 euros; e na categoría de grupo o gañador foi "Benvidos de París", con 400 euros de premio.

A Queima do Meco na praza Roxa
Finalmente, na noite do mércores 17 celebrarase na praza Roxa a Queima do Meco, ás 21:30 horas. O boneco sairá ás 20:00 horas da praza do Toural. As comparsas e o público realizarán o seu acompañamento pola rúa Nova, do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e Xeneral Pardiñas. En sintonía coa dor do momento, prégase aos acompañantes que vistan de loito rigoroso. A Banda de Ponteceso e a agrupación Volta e Dálle poñerán as notas fúnebres na despedida do Antroido.

Compartir: