CAMIÑO DE SANTIAGO

Os Camiños Francés e de Fisterra melloran a sinalización e as condicións de accesibilidade no termo municipal

17/02/2010 Os Camiños Francés e de Fisterra contan agora cunha mellor sinalización e con mellores condicións de seguridade, accesibilidade e uso no termo municipal. Isto é posible grazas as tres obras de rehabilitación e sinalización que realizou o Concello a través dos Fondos Estatais de Investimento Local (FEIL). Estas intervencións tiveron un orzamento conxunto dun millón de euros.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou estas obras, acompañado polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e por unha ampla representación social e económica da cidade. Todos eles visitaron os diversos puntos nos que se actuou e que poñen en valor o Camiño de Santiago no termo municipal.

A integración paisaxística do Camiño de Santiago no entorno da estrada N-634 implicou unha mellora das condicións de seguridade e accesibilidade para os peregrinos. Tratáronse os cruces da vía, priorizando o paso peonil fronte ao rodado, coa inserción de pavimentos de lastro e pedra de gra. Tamén se soterraron colectores de lixo e, noutros casos, quedaron ocultos tras cubrecolectores. A actuación completouse coa mellora da sinalización e limpeza de marxes e leitos.

Pola súa parte, a rehabilitación e sinalización do Camiño Francés no concello supuxo o acondicionamento do entorno da rúa Fontiñas, co fin de recuperar o trazado do Camiño, perdido pola ocupación do mesmo e a súa invasión polos automóbiles. Isto provocaba que os peregrinos tiveran que pasar pola calzada. Así, recuperouse o espazo para os peóns e renováronse as instalacións urbanas, colocando mesmo unha fonte.

Finalmente, no Camiño de Fisterra, a actuación consistiu na rehabilitación da Ponte Sarela, recuperando o seu volume e funcionalidade orixinais. Ademais, acondicionouse o entorno inmediato da Ponte, restaurando a calzada, limpando a canle do río, soterrando as instalacións aéreas existentes e creando unha iluminación. Tamén se sinalizou o Camiño a Fisterra – Muxía no termo municipal.

Intervención sutil para unhas boas condicións de uso
Estes proxectos permitiron que o tramo municipal dos Camiños Francés e de Fisterra quedaran "en moi boas condicións de uso", indicou o alcalde. "Fixemos un esforzo nun tema que non é estritamente competencia municipal", dixo, agardando que este sexa o primeiro paso para que se poida afrontar a rehabilitación dos restantes Camiños. Neste desexo coincidiu o concelleiro de Turismo. Tamén en relación ao labor da Administración autonómica neste eido, o alcalde expresou o seu desexo de que resolva definitivamente a delimitación do trazado dos Camiños, "que hoxe nos ten paralizados varios proxectos".

Sobre a intervención, Sánchez Bugallo cualificouna como "modélica, coidada e pouco intensa". Así o ratificou tamén o arquitecto municipal da OCIHR, Javier Fernández, que definiu a obra como "sutil", de forma que "ser vira o menos posible".

Compartir: