EMPREGO

O Servizo Local de Emprego atendeu máis de 7.500 consultas en 2009

16/02/2010 O Servizo Local de Emprego, situado nas oficinas que a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo ten na rúa do Hórreo, 100, atendeu 7.541 consultas no ano 2009. Destas, 4.510 consultas (59,8%), realizáronas mulleres, e 3.031 (40,2%) homes.

Do total de peticións de información, 4.394 (58,3%) atendéronse na propia oficina, e as outras 3.147 (41,7%) a través do teléfono 981 568 752. No primeiro semestre concentráronse 4.503 consultas e 3.038 nos seis últimos meses do ano. Este servizo concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego, así coma a intermediación laboral coas empresas.

O Servizo Local de Emprego, ademais de atender todo tipo de peticións de información relacionadas co mundo laboral (consultas sobre contratación, ofertas de emprego, prestacións, formación, sectores profesionais emerxentes, etc.) orienta, dun xeito personalizado e adaptado as distintas situacións, ás persoas que procuran emprego ou buscan mellorar as súas perspectivas laborais.

A primeira fase é unha entrevista, realizada por un equipo de técnicos/as expertos en orientación-inserción profesional, a partir da que, nunha segunda fase, se elaborará a diagnose do proxecto profesional: o Plan Persoal de Inserción. Esta diagnose serve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Tendo en conta os resultados, proporciónaselle á persoa demandante un listado das empresas do sector profesional no que está interesada e infórmaselle sobre como deben facer a súa autocandidatura (curriculum). Tamén se lle facilita unha lista de ofertas de emprego, que se actualiza diariamente. Estas ofertas publícanse, os martes e xoves de cada semana, en formato papel, no Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela, que ten unha tirada de 1.000 exemplares e contén unha media de 170 ofertas de emprego e formación en cada número. A publicación, enmarcada nas accións de orientación e intermediación laboral promovidas no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, distribúese de balde en lugares de alta afluencia de persoas: centros de saúde, oficinas de emprego, oficinas de servizos administrativos, Centros Socioculturais, Oficinas de Información á Cidadanía, bibliotecas, etc.

Todas as demandas de emprego das persoas interesadas introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade das persoas usuarias.

Compartir: