FESTAS

Vinte e catro comparsas, once carrozas e centos de disfraces desfilarán polo centro da cidade no martes de Antroido

16/02/2010 Co desfile de martes de Antroido ás portas, a cidade prepárase para vivir unha intensa tarde-noite. Un total de 24 comparsas, 11 carrozas e 27 disfraces (de grupo, parella e individuais) participarán no concurso, acompañados por outros incondicionais do Antroido, que aínda que non obtan aos premios desfilarán coas súas creacións para divertir ao público.

Percorrerán as rúas da cidade máis de 1.200 persoas, "cifra coa que se mantén o récord de participación xa alcanzado en 2009", apuntou o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro. O gran desfile comezará ás 17:30 horas dende Santiago de Chile, en dirección á intersección das rúa Frei Rosendo con Ramón Cabanillas, dende onde sairá a cabeza do desfile. Esta modificación no itinerario oficial facilitará a mobilidade dos participantes e crear a menor cantidade posible de problemas de tráfico nun día laborable. O itinerario polas rúas é o seguinte: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I.

No desfile participarán comparsas e carrozas de diversos concellos de Galicia como Muros, Sanxenxo, Negreira, Visantoña (Santiso), Pontecesures, ademais das tradicionais comparsas de varios barrios da cidade: A Ruliña de Laraño, Os Conformistas de Conxo e Os Garanduxos. Tamén participará unha agrupación do centro sociocultural Carlos Maside de Santiago, cun espectáculo titulado Conto de fantasía.

O desfile contará con catro carrozas de animación invitadas pola organización: "Feira galega" –que encabezará o desfile–, "Fuego", un grupo de "performers vestidos de branco e envoltos nunha gran nebulosa de fume branco", e unha cuarta carroza de "estilo oriental"). Pero a gran atracción do desfile chegará coas comparsas a concurso. Entre todas elas destaca unha agrupación de Muros que presenta o espectáculo O que faltaba!, un total de 90 persoas que forman parte da comparsa e carroza. Tamén de Muros desfilará outra comparsa de nenos e nenas con varias carrozas que escenificarán Os contos preferidos de Micky.

De Sanxenxo concursará unha comparsa de 65 persoas; de Santiago participa un grupo de 32 membros dentro do espectáculo O verme picholeiro, e outro composto por 10 persoas baixo o título de Convento marchoso. Outra das comparsas participantes chega da parroquia de Visantoña, do Concello de Santiso (A Coruña), cun show inspirado na música e bailes do brasileiro Carlinhos Brown que recrearán 50 persoas. Negreira estará representada no concurso polo espectáculo A nasa nicrariense. Finalmente, de Pontecesures chega a comparsa "Maxia da India".

Entrega de premios na Alameda
A entrega de premios farase no paseo central da Alameda a partir das 21:00 horas, onde xa estará preparada a orquestra Ledicia para poñer música a unha noite de festa. En total repartiranse 13.190 euros entre todas as categorías a concurso.

O xurado, disposto nos balcóns do Hotel Hesperia Compostela (Praza de Galicia), estará composto polo propio edil de Festas, Xosé Baqueiro, en función de presidente; como vogais, a presidenta da Asociación de veciños "A Xunlla de Laraño" (en representación da Federación do Rural de Santiago), Mª Carmen Pérez; en representación do Partido Popular, a concelleira municipal María Castelao Torres; como representante municipal do BNG, a concelleira delegada de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos; en representación da Asociación de Prensa, Aurea Sánchez; o director da aula de teatro da USC en representación da Universidade de Santiago, Roberto Salgueiro; como representante do Museo do Pobo Galego, Clodio González; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Mª Miramontes; como representante da Escola de Artes Mestre Mateo, Santiago Riande; e a representante das Asociacións Xuvenís, Alba Mariño; e finalmente, como secretaria, a funcionaria municipal Montserrat Cillero. Unha vez que deliberen (segundo o deseño e creatividade das carrozas, disfraces e a caracterización dos seus membros) comunicarán a súa decisión no Paseo Central da Alameda ás 21:00 horas, aproximadamente.

Adeus ao Meco
O mércores de Cinza darase a despedida ao Antroido coa tradicional Queima do Meco na praza Roxa. Ás 20:00 horas, os participantes do Antroido acompañarán ao Meco desde o Toural ata a céntrica praza Roxa, facendo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e Xeneral Pardiñas, ata rematar na praza Roxa, onde ás 21:30 horas recibirá a súa queima. Acorde co pesar do momento os acompañantes deberán lucir loito rigoroso, para despedir como é debido ao Meco. A Banda de Ponteceso e a agrupación Volta e Dálle conformarán o acompañamento fúnebre para unha xornada de dor e bágoas.

Compartir: