ALCALDÍA

A cidade sinte o Xacobeo Lobelle coma o verdadeiro campión da Copa

15/02/2010 O Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago foi recibido pola Corporación municipal, un día despois de obter o subcampionato da Copa de España de Fútbol Sala. O acto foi unha sentida homenaxe ao club compostelán, ao que o alcalde compostelán considerou o verdadeiro campión, por merecementos, do torneo.

"Sodes os campións", díxolles o alcalde aos xogadores, técnicos e directivos do Lobelle, dos que dixo sentirse orgulloso. Recordou o erro arbitral que impediu que un gol legal dos composteláns subira ao marcador, apuntando que "en dereito, en caso de dúbida resólvese a favor do máis débil, pero en deporte é ao revés". Insistiu na inxustiza do resultado, que demostra que "ás veces non sempre gañan os mellores, e ás veces nin gañando se gaña".

Con todo, cualificou de "éxito en todos os sentidos" a actuación do Lobelle de Santiago nesta Copa e concedeulle un "enorme mérito" ao subcampionato. Tras facer un novo recoñecemento ao "espléndido traballo" que está realizando o conxunto compostelán e ao "empuxe e dignidade persoal" de todo o equipo, tivo palabras de ánimo para eles, e en especial para o seu presidente. "O importante é non decaer", díxolles.

Pola súa parte, un emocionado José Antonio Lobelle, lamentou a crueldade do resultado, pero amosouse orgulloso de xogadores, técnicos e directivos, e de "levar o nome de Santiago polo mundo". Tamén tivo palabras de agradecemento para o concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, polos ánimos que lle deu despois do partido.

O presidente do Lobelle entregoulles ao alcalde e ao concelleiro os trofeos recibidos polos subcampionatos da Copa e da Supercopa, disputada recentemente en Vigo. Logo, directivos, técnicos e xogadores recibiron como agasallo a publicación de Alberto Schommer Granito vivo, composta por fotografías sobre Santiago.

Compartir: