EDUCACIÓN E MOCIDADE

Convocados os premios Vagalume e os premios de carteis e do programa de Nadal 2005

17/11/2005 Recoñecer o traballo de persoas e colectivos composteláns a prol do benestar da cidade e do estímulo á cooperación, á solidariedade e á igualdade entre as persoas é o principal obxectivo dos Premios Vagalume, xa tradicionais no Concello de Santiago.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou hoxe, xoves 17 de novembro, a nova convocatoria dos premios Vagalume, que cumpren á súa 13ª edición. Os Premios Vagalume teñen por obxecto o recoñecemento público do desinteresado labor destas persoas e/ou entidades, e á vez incitar a outras para que cooperen e desenvolvan actitudes positivas cara o traballo social.

Así, todas as persoas, asociacións, entidades e institucións que realicen o seu traballo en Santiago poderán presentar a súa candidatura ata o próximo 1 de decembro deste ano, incluíndo unha biografía da persoa ou colectivo, unha exposición do seu traballo e e outra explicando os motivos polo que concorren á candidatura. Os premios son simbólicos, é dicir, non teñen contía económica, sen embargo, teñen unha gran repercusión na nosa cidade, pois son xa tradicionais. Ademais, durante o acto público de entrega do galardón proxéctase un documental onde se explica o traballo das entidades premiadas.

Hai dúas modalidades: un apartado individual e un premio para unha entidade benéfica e social. A entrega de premios terá lugar nun acto público na sala Mozart do Auditorio de Galicia o día 15 de decembro ás 20 horas.

Concurso de Carteis e do programa de Nadal 2005
Por outra banda, a concelleira de Educación e Mocidade presentou tamén as bases da convocatoria para o concurso de carteis e programa do Nadal, dirixido a escolares dos centros de ensino ou colectivos composteláns. En opinión da concelleira este concurso serve para que os rapaces, desde pequenos, "se sintan partícipes da vida do Concello". Cienfuegos agarda que a participación dos pequenos sexa tan masiva como noutros anos, nos que se presentaron "máis de mil carteis".

No concurso poden participar escolares de educación infantil e primaria, sempre e cando só se presente un cartaz por neno/a e baixo o lema "Nadal 2005. Concello de Santiago". As medidas han de ser de 50x40 centímetros como mínimo e de 70 x 40 como máximo, e han de incluír na súa parte posterior o nome e apelidos do alumno/a, curso e idade, centro onde estuda e o seu teléfono particular. Os traballos presentados non poderán incluír elementos e materiais que sobresaian do debuxo, como por exemplo: palillos, algodón, purpurina, papel pegado, etcétera, pola dificultade de reproducir un cartel con estes engadidos e pola inevitable degradación que sofren estes materiais nos traslados.

O xurado definitivo do cartel e do programa das Festas do Nadal-2005 estará constituído por seis escolares, tres persoas do Concello de Santiago e un profesional do deseño. Por sorteo, o Concello elixirá seis centros de ensino do municipio de Santiago, que enviarán un escolar por centro, pasando a integrar o xurado do Concurso. O veredicto terá lugar no Salón Verde do Concello o 1 de decembro de 2005, mentres que a entrega de premios será o 14 de decembro de 2005.

A contía dos premios é como segue:

TOTAL GAÑADOR/A COLEXIO
1º premio 360 € 240 € 120 €
2º premio 240 € 150 € 90 €
3º premio 180 € 120 € 60 €
1º accésit 60 €
2º accésit 60 €
3º accésit 60 €
Total 960 €

Os traballos pódense presentar no Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago (Rúa do Vilar, 13), ata o vindeiro 29 de novembro de 2005.

Sesións de coñecemento e educación para os donos de cans
A prevención do abandono de animais de compañía, a promoción de boas prácticas en relación con eles e o fomento de adopcións responsábeis son o punto de partida para a celebración dúas xornadas formativas organizadas polo Refuxio de Bando, e que se dirixen ás persoas que adoptan ou posúen cans.

Inicialmente ofrécense dúas sesións, o domingo 27 de novembro e o sábado 17 de decembro, en horario de mañá, de 10 a 13 horas, ambas as dúas no propio Refuxio municipal de animais, situado en Zarramacedo, na parroquia Bando.

A participación nas sesións formativas é gratuíta previa inscrición, entregando cuberta a folla anexa no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende), ata o 23 de novembro (para a primeira sesión) e ata o 13 de decembro (para a segunda sesión). En cada sesión admitiranse 25 participantes, que se seleccionarán pola orde de inscrición. A primeira delas resérvase a voluntarios/as do Refuxio e a adoptantes do Refuxio e completarase con outros solicitantes ata cubrir o número total de prazas dispoñíbeis. Os solicitantes deberán comprobar a súa admisión os días 24 e 25 de novembro e 15 e 16 de decembro, chamando ao teléfono 981 54 31 47, entre as 9 e as 14 horas.

Elvira Cienfuegos, concelleira de Sanidade e Consumo, amosou a súa preocupación polo ritmo de adopcións que está a ter o refuxio, que recibe entre 60 e 80 animais cada mes, o que amosa que os cidadáns temos aínda moito que aprender" e fixo un chamamento para que se adopten animais e non se merquen mentres haxa mascotas susceptíbeis de adoptar.

Para máis información sobre as sesións de coñecemento e educación dos cans pode consultarse a : web do refuxio de Bando

Compartir: