FESTAS

Os pregoeiros de Teatro en Punto gañan o favor do público do Toural cun orixinal espectáculo cómico

13/02/2010 O Antroido de Santiago de Compostela comezou cunha programación repleta de música e diversión da man de dúas das comparsas con máis historia da cidade, Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño, que coas súas orixinais chirigotas fixeron rir a todos os que paseaban polas rúas. Nesta xornada, as actividades concentráronse na cidade monumental, onde se instalaron dende a mañá obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras para que os rapaces, cos consellos de profesionais, aprendan novas técnicas de caracterización.

Coa chegada da noite, ás 20:30 horas, o Meco irrumpiu no Toural, nunha cita tradicional e xa típica do Antroido compostelán. Deseñado por José Méndez, o boneco preside as festas subido aos balcóns do Pazo de Bendaña para vixilar o seu bo transcorrer, á espera da súa queima o mércores de Cinza.

De seguido, e coa multitude na praza do Toural, celebrouse o pregón do inicio oficial das festas, que este ano estivo protagonizado pola compañía Teatro en Punto. Tres actores (Gloria Rico, Roberto Leal e Fernando Campo) realizaron un pregón en forma de espectáculo de rúa. Para o discurso de apertura os actores apareceron en escena caracterizados como uns auténticos presentadores das galas de televisión, vestidos cuns impresionantes traxes de noite.

Fixeron referencia a diversos temas de actualidade, onde non faltou unha alusión á lingua galega. Os actores escenificaron unha parodia do trilingüismo, onde un falaba galego, outro castelán, e o terceiro o coñecido como eurocastrapo. Buscando a participación do público, a compañía fixo unha enquisa e propuxo diferentes coros e tarareos. E de seguido, a festa continuou coas comparsas A Ruliña de Laraño e Os Conformistas de Conxo.

Un desfile con moita marcha
A xornada do domingo 14 estará dedicada en exclusiva aos máis pequenos. Desde ben cedo poderán retocar as súas maquillaxes cos obradoiros na praza do Toural. Xa a partir das 17:00 horas abriranse as portas da Capitol para que todos os rapaces preparen a súa posta en escena no festival infantil de disfraces. As inscricións para o concurso deberán formalizarse entre as 16:30 e as 17:45 horas. Ás 18:00 horas comezará o concurso de disfraces en diversas categorías (mellor grupo, parella e disfraz individual), ademais de sesión de baile-discoteca, animacións e entrega de bolsas-cotillón.

Os gañadores de grupo recibirán premios en metálico (1º premio: 180 €; 2º premio: 120 €; 3º premio: 90 €), e as outras dúas categorías poderán conseguir diferentes agasallos (consolas Wii, bicicletas mountain bike, Mp4 e equipos de música). Pero xa dende primeira hora da maña haberá actividades: obradoiros de maquillaxe de 12:30 a 14:30 horas no Toural e animación polas rúas a cargo da comparsa Os Conformistas de Conxo e a charanga Os Atrevidos, durante todo o día.

Compartir: