TURISMO

O Fórum Santiago 2010 achega o binomio cociña e viño co Fórum Viño

12/02/2010 O martes 23 de febreiro é o día dedicado ao viño como parella ideal da cociña dentro do programa profesional do Fórum Gastronómico Santiago’10. Sumilleres enólogos, xefes de sala, adegueiros, cociñeiros e demais profesionais do sector daranse cita nunha nova edición do Fórum Viño, complementado co Mercado do Viño.

Un espazo de negocio, de debate e demostracións ao redor do binomio cociña e viño. Iso é o Fórum Viño que se celebrará no Recinto Feiral de Amio. O programa propón gozar de sesións únicas na Sala Ateneo, como a de Josep Roca, "camareiro de viños" de El Celler de Can Roca, un tres estrelas que nos ilustrará coa humildade do sabio pensador da cociña do viño; ou os irmáns Xosé e Xoán Cannas, que practican unha cociña ao servizo do viño e viceversa: a enococina. Tamén intervirán Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres e autor do blog O viticólogo dos vagos; Jesús Barquín, que nos achegará aos Viños de Jerez; e o sumiller M.A. Galán e o pasteleiro Ramon Morató dirixirán unha cata de chocolate e ron caribeño.

Estas sesións veranse complementadas co Mercado do Viño, espazo e punto de encontro de viticultores, distribuidores, enólogos, sumilleres e demais profesionais do sector, no que poderán degustar e coñecer viños de gran calidade elaborados por algunhas das mellores adegas dos países atlánticos.

O Fórum Doce reúne aos mellores pasteleiros actuais
O luns 22 de febreiro, grandes nomes da pastelaría e cociña de sobremesas do panorama actual daranse cita no Recinto Feiral de Amio no marco do Fórum Doce. Os cataláns Ramon Morató e Jordi Butrón, o danés Jakob Mielcke e o milanés Ernst Knam serán os encargados de amosar a súa arte reposteira en directo. Todos prepararán na Sala Cunqueiro (con capacidade para unhas 80 persoas) as súas innovadoras creacións e propostas, que se poderán degustar ao final de cada sesión.

Compartir: