ALCALDÍA

O alcalde cualifica os datos turísticos de xaneiro como "nada satisfactorios, pero tampouco imprevistos"

12/02/2010 Para o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, os indicadores de xaneiro do aeroporto e de ocupación hoteleira están "por debaixo de calquera expectativa" dun Xacobeo. Tras xulgalos como "atípicos" en relación a outros Anos Santos, cualificou estes datos como "nada satisfactorios, pero tampouco imprevistos".

Malia a preocupación por estas cifras de xaneiro, Sánchez Bugallo segue a confiar en que "se reconduza a promoción exterior", co obxectivo de que cando comece a temporada alta, en marzo e abril, "se noten efectos positivos". Considera que "febreiro xa é difícil de reconducir", pero desexa que na reunión prevista en marzo co conselleiro de Cultura se poda falar de datos favorables.

De non ser así, dixo o alcalde, "a situación pasaría de preocupante a mala". Con todo, reiterou a vontade municipal de "máxima colaboración" coa Xunta, á que demandou "efectividade neste materia".

Conexión directa con Lavacolla
Tamén en relación co aeroporto, Sánchez Bugallo insistiu na súa petición dun "servizo específico de conexión por autobús co aeroporto, polo autovía e segregado da liña regular Santiago – Lugo". "Os usuarios demandan unha conexión entre o centro da cidade e o aeroporto, con servizos cada media hora, e sen paradas intermedias", indicou. Só se consideraría unha parada a maiores na estación de autobuses e a parada no centro da cidade fixaríase en Ramón Piñeiro pola proximidade coa estación de ferrocarril.

O alcalde afirmou "non cuestionar" a concesión da empresa Freire, pero "queremos que haxa o servizo e é evidente se produciron cambios dende que outorgou esa concesión nos anos 20". No obstante, engadiu,"non nos opoñemos a que este servizo se integre na concesión Santiago – Lugo". Do mesmo xeito, ao Concello "tamén lle parecería ben" que o servizo urbano que demanda a parroquia de Lavacolla se lle outorgara a través do Plan Comarcal de Transporte.

A propósito das concesións, Sánchez Bugallo manifestou que "as cidades non vemos ben estas prórrogas ata o ano 2022, porque hai que reordenar o transporte público". Na súa opinión, estas prórrogas "deixan sen resolver o problema das conexións entre os núcleos urbanos do mesmo termo municipal e das áreas periurbanas co centro urbano".

Compartir: