NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"Namórate da lingua" promove a afectividade dos escolares co galego

12/02/2010 A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, presentou unha nova campaña de promoción do uso da lingua galega, que un ano máis aproveita a data de San Valentín (14 de febreiro) para fomentar relacións afectivas cara o idioma. Namórate da lingua é o título desta iniciativa, dirixida a rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO. Haberá premios para as mensaxes máis orixinais e creativas.

Segundo explicou Guadalupe Rodríguez, Namórate da lingua está dirixido a escolares duns 14 ou 15 anos, por ser estas idades moi vinculadas ao descubrimento das relacións afectivas. A campaña xa está sendo difundida nos centros de ensino do Concello, onde os rapaces atopan a imaxe co lema da campaña: "Tes unha cita a cegas. Ven e namórate da lingua". O obxectivo é fomentar a creatividade e as relacións sociais da mocidade para incentivar un xogo de interese, descuberta e diversión coa lingua.

Enriba dos seus pupitres os alumnos e alumnas atoparán unha das 4.000 carautas que se repartirán coas instrucións para participar na iniciativa. Terán que escribir na carauta un slogan que fomente as relacións afectivas cara á lingua galega, facerse fotografías coa carauta posta e subilas á web www.namoratedalingua.com. A máscara debe cubrir completamente a cara e impedir a identificación das persoas que nela aparezan. Poderán subirse as fotos e lemas ata o 19 de febreiro.

Tamén nesta web, calquera pode votar as fotografías e slogans que máis lles gusten. Para os lemas máis orixinais e creativos haberá agasallos tales coma unha cámara de fotos, un vale para mercar libros, un MP4 ou entradas para concertos.

Documentos relacionados



Compartir: