TURISMO

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 chega aos bares e restaurantes co Fórum Tapas

11/02/2010 Durante unha semana, quince establecementos de Santiago ofrecerán a súa Tapa Fórum, deseñada exclusivamente para a ocasión. Os clientes que decidan participar nesta ruta de tapas poderán obter diversos premios directos.

Dende o 17 ata o 24 de febreiro, no marco do Fórum Gastronómico Santiago 2010, a cociña en miniatura achégase aos bares e restaurantes de Compostela grazas á iniciativa Fórum Tapas. Quince establecementos da cidade elaborarán unha tapa pensada para a ocasión, a Tapa Fórum, entre as que atopamos creacións como Zamburiñas de Porco Celta con Aceite de Ceboliño, Piruleta de Poldro co seu caldo ou Crocante de Cocido Galego.

Os clientes que se animen a participar nesta apetitosa ruta poderán obter diversos premios directos. O cartón de participación, que irá dentro do programa de man do Fórum Cidade, pódese conseguir nos establecementos inscritos, ou na Oficina da Praza de Galicia, a partir da semana que vén. O cartón está dividido en tres filas. Cada vez que se consuma unha tapa colocarase un adhesivo no espazo correspondente.

Ao completar unha liña poderase elixir entre unha publicación de temática gastronómica ou unha visita guiada de Turismo de Santiago. Aqueles que completen dúas liñas recibirán un lote de produtos enogastronómicos, mentres que os que completen o cartón poderán gozar dunha cea degustación para dúas persoas nun dos establecementos participantes. Para retirar os premios o cartón deberá presentarse na Oficina da Praza de Galicia.

Os establecementos participantes son: A Curtidoría, A Viña de Xabi, Acio, Caney, Descorche, Enxebre, Garum Bistró, Hotel Gastronómico Tránsito dous Gramáticos, Hotel Monumento San Francisco, La Bodeguilla de San Lázaro, La Bodeguilla de San Roque, La Viura, Madam Ragú, O Catro e Tapería Castelao.

Compartir: