XUVENTUDE

Xuventude busca novos talentos musicais na terceira edición do "MúsicaXove"

11/02/2010 O xoves 18, un concerto dos grupos Los Coronas e Pi Graos na Sala Capitol, a partir das 21:30 horas, servirá de presentación do certame MúsicaXove’10. Os interesados en participar no mesmo teñen ata o 20 de marzo para presentar a documentación no Rexistro do Concello situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou a convocatoria do MúsicaXove´10, que dará a posibilidade de canalizar a creatividade musical das novas promesas musicais de Santiago e do resto de Galicia. Nesta edición, que se celebrará previsiblemente entre abril e maio, participarán grupos da Rede Galega de Locais de Ensaio (da Dirección Xeral de Xuventude) e bandas de diferentes puntos de Galicia.

Os participantes competirán por ser os mellores na súa categoría musical: nesta edición en pop-rock e heavy-metal, xa que o hip hop vaise reservar para un concurso nas Festas da Ascensión, e a modalidade folk queda cuberta co Certame Folk Radio Obradoiro, que este ano alcanza a súa undécima edición. "Organizamos este concurso para promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical dos mozos que teñen unha gran confianza no seu talento musical e apostan forte por converterse en grandes artistas", indicou Baqueiro.

Poderán participar todos os grupos e solistas de entre 16 e 35 anos.Terán de prazo para inscribirse entre o 11 de febreiro e o 20 de marzo no Rexistro auxiliar do Concello de Santiago situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, na rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Outro dos requisitos é que os participantes non poden ter editado ningún disco, agás os autoeditados, nin contrato con algunha discográfica.

Un mínimo de tres participantes por modalidade
En canto ao xurado, estará composto por especialistas do mundo da música, que valorará a utilización da lingua galega, tanto nas letras coma na imaxe da banda. Este mesmo xurado, encargado de dar o veredicto o día do concerto final, escoitará previamente as maquetas, para seleccionar como mínimo a tres participantes por modalidade. Os seleccionados tocarán obrigatoriamente no concerto os dous temas presentados na maqueta e dous temas a maiores de elección libre.

Os premios serán os seguintes:

1 - Dous primeiros premios, un por modalidade, de 2.000 euros cada un.
2 - Dous segundos premios, un por modalidade, de 1.000 euros cada un.
3 - Dous terceiros premios, un por modalidade, de 500 euros cada un.

Ademais, os finalistas terán a posibilidade de participar na edición dun disco recopilatorio de cada unha das actuacións, e de promocionar a súa música con diversas actuacións musicais: dúas para o gañador de cada modalidade e unha para o segundo e terceiro clasificado en cada categoría.

Baqueiro lembrou que na edición de 2009 participaron 12 grupos en catro categorías musicais: pop-rock, metal, hip hop, e folk-outras músicas. Nas tres xornadas de competición que se celebraron na Capitol os participantes conseguiron encher o aforo da sala e espertar certa curiosidade entre o público que escoitaba por primeira vez os seus temas. As diferentes bandas asistiron o mércores 10, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, á inauguración dunha exposición fotográfica das súas actuacións no MúsicaXove’09. Son 48 fotos do fotógrafo Andrés Fraga que captan os mellores momentos de cada concerto.

Locais de ensaio de San Lázaro
Para facilitar o nacemento de grupos musicais, os rapaces de Santiago dispoñen dun local de ensaio en San Lázaro con dúas salas independentes, onde contan co material básico para compoñer e tocar os seus temas. Tamén reciben respaldo en canto á promoción e difusión das súas actividades, con actuacións e concertos organizados pola Concellaría de Xuventude e Festas ou a través de colaboracións con outras institucións, salas de concertos e demais empresas.

Ademais, o departamento edita unha publicación cunha listaxe dos grupos que ensaian nos Locais Municipais, como un recurso importante para a promoción das bandas que alí teñen o seu punto de encontro e de ensaio, dirixida e distribuída entre a prensa especializada, departamentos de cultura e de festas dos concellos de Galicia, produtores musicais, salas de música e promotores de concertos.

Concerto de presentación
Para que toda a xente coñeza o certame, o xoves 18 de febreiro celebrarase un concerto a modo de presentación oficial. O concerto comezará ás 21:30 horas na Sala Capitol. Actuará o grupo Los Coronas, e como teloeiros tocará a formación Pi Graos. Los Coronas son o grupo pionero e de máis repercusión do surf instrumental en España actualmente. A súa formación naceu en 1991 e chegan a Santiago para presentar o seu último traballo, El baile final... de los locos y los cuerdos. A entrada é libre previa recollida da invitación no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. Tamén hai invitacións dispoñibles en A Reixa Tenda (Arco de Mazarelos).

Compartir: