ALCALDÍA

O alcalde agarda que a Copa de Fútbol Sala sexa "un grande espectáculo"

11/02/2010 Como parte dos actos da XII Copa de España de Fútbol Sala e horas antes do comezo da competición, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi a unha representación dos oito equipos participantes.

Sánchez Bugallo desexoulles aos sete equipos visitantes unha feliz estancia na cidade e "moito acerto" para que a Copa de España sexa "un grande espectáculo deportivo". Ademais, tivo palabras de recoñecemento para o presidente do Xacobeo Lobelle, José Antonio Lobelle, polo seu labor en prol do fútbol sala na cidade. Por suposto pediu "un pouco de sorte" para o equipo da cidade.

Pola súa parte, o presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano, expresou a súa "confianza" no éxito desta Copa de España e a satisfacción de que esta se dispute por segunda vez en Santiago de Compostela. Tamén interveu no acto o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana.

Os representantes dos equipos participantes entregáronlle a Sánchez Bugallo un agasallo representativo de cada unha das súas cidades. O rexedor municipal correspondeulles coa publicación de Alberto Schommer Granito vivo, composta por fotografías sobre Santiago.

Compartir: