XUVENTUDE

Unha exposición fotográfica recolle os mellores momentos dos concertos do "MúsicaXove 2009"

10/02/2010 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, inaugurou no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche a exposición fotográfica do 2º Certame MúsicaXove’09. O acto contou coa presenza do autor das imaxes, o fotógrafo Andrés Fraga.

O certame, convocado polo Departamento de Xuventude, creouse co obxectico de promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical dos mozos. O concurso ten como destinatarios aos artistas emerxentes que manteñen a súa actividade en Galicia e acolle en cada edición unha exposición que mostra a creatividade musical daqueles grupos que participaron no concurso e chegaron á selección final, dando a coñecer diferentes propostas musicais nas modalidades de:

· Metal: Codename, The Weak Force, Soño Eterno
· Hip-Hop: Tramaturgia, Mito Escrito, Bronquitis Crónica Autor-Folk-Outras Músicas: Liridade Noctámbula, Roberto Sobrado, Perpetradores de Actos
· Pop-Rock: Dirty Socks, Frab Fly, Agoraphobia

A exposición conta con 48 fotos en color de cada unha das fases finais do certame, con todos os grupos finalistas por categorías. Trátase dunha exposición do fotógrafo Andrés Fraga. As instantáneas captan o mellor de cada un dos concertos, con imaxes do bo facer de cada un dos grupos enriba do escenario da Sala Capitol.

Andrés Fraga
Andrés Fraga (Panxón, 1982) comezou a descubrir o mundo da fotografía dende moi novo a través da afición dos seus pais. As súas primeiras fotografías relizounas cunha vella réflex nos montes da súa contorna. Máis tarde viaxou a Barcelona para estudar fotografía na antiga Escola de Fotografía da UPC (agora CITM). De alí, Fraga mudou a Finlandia, onde, ademais de rematar o proxecto final, coñeceu a varios dos grandes fotógrafos e unha maneira moi diferente de traballar a imaxe. Tempo despois volta a Santiago, onde colabora co xornal El País-Galicia, ademais de continuar co traballo en revistas finlandesas na Península Ibérica e en Sudamérica. Encargos para arquitectos e deseñadores gráficos enchen o resto da súa xornada laboral.

Recentemente, e xunto cun amigo, montou Simboloxico Vol.2, unha pequena empresa que serve para canalizar os traballos de foto, deseño, web e comunicación.

Documentos relacionados



Compartir: