EDUCACIÓN

Case 1.600 escolares de secundaria participarán nunha nova edición do programa "Sexibilízate"

10/02/2010 Ponse en marcha unha nova edición do Programa de educación afectivo-sexual Sexibilízate. 1.590 alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º da ESO pertencentes a nove centros escolares participarán nesta edición da iniciativa, á que cada ano se van sumando máis colexios.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou esta nova edición do programa, en cuxas sesións se abordan cuestións como os mitos sobre a sexualidade, o coñecemento do corpo, os métodos anticonceptivos, as enfermidades de transmisión sexual, o desenvolvemento afectivo sexual na adolescencia ou a introdución na reflexión sobre a igualdade de xénero. E isto faise a través dunha dinámica participativa e incitando á pensar e reflexionar.

Ania Piñeiro, de Xéneme, a empresa de intervención social encargada do programa, explicou que, como novidade, este ano o programa tamén foi presentado ás ANPAS, de xeito que os pais, ademais da comunidade educativa, coñezan o seu funcionamento. As sesións desenvólvense en horario lectivo, de forma secuencial, ao longo dunhas tres semanas, sempre cando mais conveña ao centro en calquera dos trimestres.

A propósito destas sesións, o responsable do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, recordou que a presenza do programa nos centros non se limita ás sesións formativas, senón que é permanente ao longo de todo o curso. Neste sentido, os alumnos e alumnas sempre teñen unhas persoas ás que recorrer para resolver dubidas ou problemas que poidan xurdir en cada momento.

Tres novas liñas de traballo
Segundo explicou Ania Piñeiro, o traballo que xa se vén realizando complétase nesta edición con tres novas liñas. A primeira delas é a elaboración co alumnado de material audiovisual que posteriormente tamén se utilizará nas sesións formativas. Na mesma dirección, pero dirixida ao profesorado, realizarase unha guía didáctica. Finalmente, ao final do curso, está prevista a celebración dunha xornada formativa para o profesorado. Ademais dos obradoiros para alumnos e ods cursos para o profesorado, seguiranse a realizar as habituais visitas ao Centro de Asesoramento Quérote.

A Concellería de Educación organiza o programa Sexibilízate dende o curso 2003-2004. No transcurso destes anos son moitos os centros que se van engadindo ao programa. Nesta edición, mesmo se incorporaron colexios relixiosos. Os nove centros de secundaria participantes son: Colexio La Salle, Colexio Nosa Sra. dos Remedios, IES Antón Fraguas, IES Compostela, IES Eduardo Pondal, IES Pontepedriña, IES Sar, IES Xelmírez I e IES Xelmírez II.

Documentos relacionados



Compartir: