DEPORTES

Nove equipos loitarán polo Campionato de España Sub-20 de fútbol sala

09/02/2010 O concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, presentou o Campionato de España de Seleccións Interterritoriais de fútbol sala na categoría Sub-20, que se celebrará na cidade do 10 ao 14 de febreiro. Participarán as seleccións de Galicia, Melilla, Aragón, Asturias, Baleares, Cataluña, País Vasco, Estremadura e Castela e León.

Rama destacou que este campionato "completa toda esta axenda de actos que converte a Santiago de Compostela na capital mundial do fútbol sala". Ademais, aproveitou para animar á xente a presenciar este torneo e, como non, a Copa de España que se celebrará no Multiusos Fontes do Sar para animar ao equipo da cidade, o Xacobeo Lobelle.

Pola súa parte, o presidente do Xacobeo Lobelle, José Antonio Lobelle, indicou que "será moi difícil volver a ver tres eventos deste nivel en Santiago de Compostela e por iso animo a todos os afeccionados a que disfruten destes cinco días de festa do fútbol sala".

Outro dos comparecentes, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Julio Meana, agradeceu a Santiago "que faciliten a organización de eventos como os que se van vivir esta semana en Santiago, todos dun gran nivel e con moito traballo detrás. Todo o mundo del fútbol sala nacional mira cara Santiago esta semana".

Pechou o acto o presidente do subcomité dos campionatos de España de seleccións territoriais de fútbol sala, Gonzalo Azkárate, quen tamén agradeceu á cidade que "se teña volcado desta maneira para organizar esta semana internacional del fútbol sala. Non é casualidade que Santiago sexa a sede, posto que tanto o concello como o Xacobeo Lobelle traballan día si, día tamén, para que o fútbol sala siga crecendo".

Compartir: