FESTAS

Teatro en Punto ofrecerá o pregón dun Antroido no que o Meco cumpre 25 anos

09/02/2010 O concelleiro de Festas de Santiago de Compostela, Xosé Baqueiro, acompañado polos directores das comparsas máis recoñecidas da cidade (Enrique Fernández ‘Quico’, de Os Conformistas de Conxo; Albino Iglesias, de A Ruliña de Laraño; e Manuel Santos, de Os Garanduxos, presentou o programa de actividades para o Antroido 2010. No acto tamén estivo presente o creador do Meco, José L. Méndez, e dous membros da compañía Teatro en punto, Gloria Rico e Roberto Leal, elixidos para dar o pregón.

Este ano cúmprese o vixésimo aniversario do antroido urbano en Compostela. Dende finais dos 80, o Concello implicouse na recuperación desta festividade e contou co apoio cidadá, convertendo o desfile do martes de Antroido nunha das citas máis participativas do ano. Baqueiro lembrou que en 2009 participaron 24 comparsas (máis outras catro invitadas polo Concello), 10 carrozas e 28 disfraces, coas rúas ateigadas de xente, sendo un dos anos con máis participación cidadá. "No desfile participaron 1.200 persoas e nas rúas había máis de 60.000 vendo o percorrido" , indicou.

O concelleiro de Festas entregou unha figura conmemorativa aos tres representantes das comparsas máis populares de Compostela. Estas comparsas participaron de forma activa e continuada no Antroido de Compostela dende hai máis de 20 anos.

As tres comparsas máis populares
A comparsa Os Conformistas de Conxo naceu no ano 1990 co obxectivo de xuntar a todas aquelas persoas do barrio de Conxo que participaban individualmente ou ben en pequenos grupos no Antroido compostelán. Foron moitas as persoas que pasaron por esta comparsa tradicional recoñecida mesmo en Galicia, tal como explicou o seu presidente, Enrique Fernández Otero.

Os Garanduxos son unha comparsa formada por un grupo de amigos e amigas de distintas zonas da cidade que naceu en 1985. Está formada por 20 compoñentes, na súa maioría mulleres, de todas as idades. No mes de outubro comezan a traballar nos disfraces, buscando temáticas moi divertidas e coloristas. O seu responsable, Manuel Santos, recorda diferentes ideas que xurdiron, como o disfraz de hamburguesa ou mesmo de troglodita.

Outra das formacións, A Ruliña de Laraño, creouse no ano 1991 na zona sur de Santiago. Está composta actualmente por 38 membros, pero chegou a ter máis de 130, con compoñentes de todas as idades, dende o máis veterano de 68 anos e o cativo máis novo con só catro. Presidida por Albino Iglesias, conta cunha ampla traxectoria carnavaleira. Participou en diversos certames e desfiles de Galicia: A Coruña, Carballo, Lalín e, por suposto, a gran cita da capital galega á que nunca fallan. Concéntranse no local social de Laraño, onde confeccionan artesanalmente todos os seus disfraces durante meses para, na semana do Antroido, sorprender e animar as persoas que viven as festas nas rúas das cidades.

Baqueiro enumerou as actividades previstas para estes cinco días de festa, do 13 ao 17 de febreiro. O Antroido comeza o sábado 13 con obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras no Toural. Ás 20:00 horas, Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño poñerán música ao inicio das festas. A continuación, darase paso ao pregón, que este ano correrá a cargo da compañía Teatro en Punto, e a subida aos balcóns do Pazo de Bendaña da típica figura do Meco, que presidirá as festas dende o Toural ata a súa queima o mércores 17.

Ao día seguinte, o domingo, os rapaces serán os protagonistas da xornada e gozarán dunha tarde moi divertida na festa de disfraces da Sala Capitol, que comezará ás 17:00 horas. "Este é o día dos rapaces, que terán toda a tarde para divertirse na Capitol; xa o ano pasado o concurso infantil acadou cifras record cunha participación de máis de 100 nenos e nenas", dixo o concelleiro. O luns, ás 23:00 horas, tamén haberá un baile de máscaras para os maiores coa música da orquesta Lamas na Capitol. A entrada é libre, previa recollida da invitación no Teatro Principal.

O desfile cos premios máis importantes de toda Galicia
O martes celebrarase o gran desfile de Antroido, con participación en varias categorías: mellor carroza, mellor comparsa (formada por un mínimo de 10 persoas), grupo mellor caracterizado (de entre 3 e 6 persoas), mellor parella e mellor disfraz individual. Ademais, estréase unha nova categoría: Premio á mellor comparsa procedente das parroquias e barrios do Concello (incompatible cos outros premios), que recoñece de forma xeral o compromiso dos barrios e parroquias co martes de Antroido, día sinalado do programa. Serán tres galardóns dotados con 600, 450 e 300 euros respectivamente. En total repartiranse 13.190 euros entre todas as categorías a concurso, "que converten a estes premios nos máis importantes de Galicia", destacou Baqueiro.

O gran desfile comezará ás 17:30 horas na estación de ferrocarril. Dende aí saíra unha parte dos participantes, mentres que as comparsas e carrozas invitadas e os colexios comezarán o seu percorrido dende a rúa Santiago de Chile. O desfile seguirá o seguinte percorrido: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e Avenida de Xoán Carlos I. A entrega de premios farase no paseo central da Alameda a partir das 21:00 horas. Alí xa estará preparada a orquestra Ledicia para poñer música a unha noite de festa.

Queima do Meco
O mércores acaba o Antroido coa Queima do Meco. A cita será ás 20:00 horas na Praza do Toural, para percorrer logo as seguintes rúas: rúa Nova, Vilar, Senra, Doutor Teixeiro, Xeneral Pardiñas e Praza Roxa. Coma sempre os asistentes ao acto deben ir de loito riguroso en sinal de dor.

O escultor José Luis Méndez, creador do Meco, explicou a temática elexida para crear a figura deste ano. Centrouse no grelo, moi ameazado este ano, segundo se conta, polas xeadas e a neve e que puxo en perigo o apreciado cocido do Antroido. "O Meco deste ano leva ademais o pote galego, pero nesta ocasión cheo de cartos, a modo de guiño aos banqueiros que xa se recuperaron da crise grazas ao diñeiro público", apuntou Méndez. Outro dos detalles reivindicativos que porta a figura é unha lingua partida en tres idiomas, (galego, castelán e inglés) como sinal de trilingüismo. Ademais, para celebrar o 25 cumpreanos do Meco, Méndez dispuxo unha torta de aniversario cunha vea en forma de cartucho de dinamita que estoupará na súa queima.

Humor na rolda de prensa
A rolda de prensa foi interrompida por dous supostos xornalistas, os actores Gloria Rico e Roberto Leal, da compañía Teatro en punto, encargada do pregón, que puxeron a chispa cómica ao acto con referencias a distintos aspectos do Antroido, como a orixe do Meco, a maquillaxe, ademais de varios temas de actualidade como o decreto do galego. Esta compañía de teatro realizará un espectáculo de rúa para dar o pregón no que se fomentará a participación do público presente no Toural.

Documentos relacionados



Compartir: