ALCALDÍA

A reurbanización do tramo Galeras-Salvadas-Vista Alegre daralle coherencia e o aspecto dunha avenida urbana

09/02/2010 "O tramo urbano dunha estrada converterase dunha das boas avenidas de Santiago e contribuirá a mellorar notablemente dos veciños que viven alí", indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito do proxecto de reurbanización do tramo comprendido polas rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre. As obras, cun orzamento de 4.364.804 euros, comezarán o 1 de marzo e rematarán antes de que remate de 2010.

As obras afectarán a un tramo de 1.220 metros, cunha superficie total de 29.000 metros cadrados. A intervención pretende converter este viario, un dos principais accesos á cidade, nun espazo urbano con amplas beirarrúas e unha coherencia no seu conxunto. Así, un dos principais obxectivos é harmonizar o que na actualidade son distintos modelos de seccións e materiais e as diferenzas de rasantes existentes.

A ampliación das beirarrúas será un aspecto especialmente importante para tramos nos que agora non existen ou son especialmente estreitas. É o caso do que discorre a carón do edificio das Casa das Máquinas, futuro Centro de Interpretación Ánxel Casal, que agora terá unha beirarrúa de aproximadamente 2,30 metros. Tamén en Entrerríos se gañará unha beirarrúa de 1,80 metros.

No futuro, cando se concrete o convenio con Fenosa para a cesión dos edificios contiguos á Casa das Máquinas, é que esta poda ser atravesada a pé tanto por un lado, coa nova beirarrúa, como polo outro, xa que se alí se construirá unha praza pública. Neste primeiro tramo da obra, a partir do Campo das Hortas, solucionarase o problema das diferentes rasantes e manteranse os tres carrís de circulación.

Mediana arborada e praza arborada en Santa Isabel
No seguinte tramo, un dos aspectos máis chamativos será a mediana arborada que dividirá os carrís de circulación. E xa en Santa Isabel, a carón das instalacións deportivas, a praza converterase nun espazo arborado perfectamente integrado na rede de espazos verdes do oeste da cidade. Nesta parte, de acordo con este carácter diferenciado, o asfaltado convencional dos carrís de circulación deixará paso ao formigón.

Avanzando cara Vista Alegre, tamén se solucionarán os problemas de rasantes que se dan na confluencia das rúas Salvadas e Vista Alegre, potenciando tamén o seu carácter estancial. Finalmente, no resto do tramo, ata a rúa de Castelao, con menos complexidade técnica, gañarase en amplitude e visibilidade. Aquí destacará o novo aspecto da praza de Vista Alegre, integrando o camiño de Lermo, a fonte e o cruceiro nun espazo tamén con bastante arborado.

A intención municipal, en canto sexa posible -apuntou Sánchez Bugallo- é darlle continuidade á reurbanización deste acceso á cidade coa intervención no tramo dende a avenida de Castelao ata o Romaño. As obras, que comezarán o 1 de marzo, realizaranse de tal xeito que non teña que interromperse a circulación viaria, confirmou o arquitecto José Luís Dalda, presente tamén na rolda de prensa.

Compartir: