URBANISMO

As sete grandes cidades de Galicia apostan por un urbanismo como ferramenta de reequilibrio e cohesión social

04/02/2010 Os concelleiros de Urbanismo das sete grandes cidades galegas mantiveron en Ferrol unha xuntanza de traballo para abordar a ordenación do territorio, expor problemas comúns e promover solucións conxuntas.

Despois da reunión, na que tamén participou inicialmente o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, o responsable de Urbanismo da cidade anfitrioa, Angel Mato, deu conta ante os medios dos principais puntos tratados. Acompañábano as súas homólogas de Santiago, Mercedes Rosón; A Coruña, Obdulia Taboadela; Lugo, María Novo Pena; e Ourense, Aurea Soto Vázquez. Posteriormente incorporouse o edil de Vigo, José Manuel Mariño Mendoza, e ausentouse a concelleira de Pontevedra, Teresa Casal, por motivos de saúde.

Na comparecencia pública conxunta, Angel Mato subliñou que as sete grandes cidades defenden a ordenación racional do territorio e que o urbanismo se converta nunha ferramenta imprescindible para avanzar no reequilibrio e cohesión social da Comunidade. Para o concelleiro, as cidades están a apostar por políticas urbanísticas modernas e sostibles, con prioridades claras: recuperar o espazo público para o cidadán, favorecer a rehabilitación e conservación do patrimonio e dos cascos históricos, facer efectivas as políticas de mobilidade e favorecer un crecemento sostible.

Nesa liña, fíxose unha chamada á colaboración entre administracións, xa que as grandes cidades, nas que se concentra máis do 70% da poboación de Galicia, están a percibir certos atrancos en materia urbanística por parte da actual Xunta de Galicia, polo que hoxe solicitan axilidade na tramitación administrativa. Non se entende senón, na opinión de Mato, que as grandes cidades tarden, en moitos casos, ata unha década para aprobar o seu planeamento. Así mesmo, apuntou a necesidade de que a Xunta entenda a importancia de contar coas administracións locais á hora de plantexar cambios normativos, xa que a súa obriga é dar solución aos problemas que detecta e, neste senso, as cidades son o mellor campo de análise e traballo. Neste punto, e ante os cambios normativos que se prevén realizar dende a Xunta, reivindicou o papel que deben xogar as cidades.

Por último, e en nome das sete grandes cidades galegas, o concelleiro ferrolán insistiu na necesidade de fomentar a colaboración institucional coa Xunta. Así mesmo, avogou por situar no centro da xestión urbanística a transparencia e a participación cidadá. E, para isto, apuntou a implantación de novas tecnoloxías coma o camiño a seguir, tanto de cara a axilizar a xestión como de cara a optimizar os trámites que demanda o cidadán.

A xuntanza celebrada en Ferrol forma parte das reunións sectoriais que, periodicamente, levan a cabo os responsables de Urbanismo das grandes cidades. A primeira delas tiña lugar o 7 de outubro de 2009 en Pontevedra e desta xuntanza, que fora cualificada como moi frutífera por parte de todos os participantes, acordábase manter contactos periódicos, sendo o segundo deles en Santiago, en novembro de 2009.

Compartir: