ALCALDÍA

Turismo de Santiago estará presente nas oficinas internacionais de Turespaña

03/02/2010 Durante o encontro que mantiveron en Madrid, o secretario de Estado de Turismo, Joan Mesquida, ratificou ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, a implicación de Turespaña na promoción do Xacobeo 2010.

Mesquida comprometeuse a poñer unha data límite para que as comunidades autónomas por onde discorre o Camiño de Santiago que aínda non asinaron con Turespaña o convenio para a promoción internacional do Camiño e do Xacobeo 2010 o ratifiquen o máis rápido posible, a fin de traballar conxuntamente neste eido.

Así mesmo, Mesquida propuxo ao alcalde que a capital galega e Turismo de Santiago estean presentes e participen nas oficinas internacionais de Turespaña, onde unha persoa, a través do apoio da Cámara de Comercio, coordinará as accións vinculadas á promoción de Santiago.

Doutra banda, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e a Secretaría de Estado de Turismo pecharán un convenio a principios de marzo para impulsar a promoción turística de todo o Grupo, e especificamente de Santiago. A nosa cidade será o marco de celebración da vindeira asemblea do Grupo, o próximo 27 de febreiro.

Compartir: