PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica organiza un concurso de escaparatismo vinculado ao Fórum Gastronómico 2010

03/02/2010 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, organiza o Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico, no que poden participar, de balde, todos os estabelecementos comerciais de Santiago. Os motivos dos escaparates terán que estar vinculados á gastronomía. O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de febreiro.

Este certame ten como obxectivo contribuír á dinamización e promoción dos comercios de Compostela aproveitando a celebración dun evento que en 2008 recibiu a visita de case 15.000 persoas. Un xurado especializado escollerá os tres mellores escaparates, que recibirán, como premio, un espazo publicitario na prensa local.

Promoción Económica editou medio milleiro de folletos coas bases do certame e o formulario de inscrición. Esta información, xunto á solicitude de inscrición, pódese consultar e descargar da páxina web de Promoción Económica: www.maiscompostela.org. Os/as comerciantes interesados en participar só teñen que cubrir o formulario que hai ao final das bases e envíalo ao fax 981 542 492. Tamén poden inscribirse enviando un correo electrónico a sae@santiagodecompostela.gal, no que figuren os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos da persoa propietaria, enderezo, teléfono e, se teñen, correo electrónico, fax, e páxina web.

Aos comercios inscritos, a Concellaría de Promoción Económica e Comercio proporcionaralle un elemento decorativo vinculado ao Fórum Gastronómico 2010, un mandil negro coa imaxe deste evento, que deberá estar presente na decoración do escaparate. O xurado, que visitará os estabelecementos entre o 11 e o 16 de febreiro, valorará especialmente a orixinalidade, a adecuación da ambientación á temática gastronómica do concurso, a eficacia da mensaxe publicitaria, e á integración do elemento decorativo (o mandil do Fórum Gastronómico) na composición do escaparate. Os comercios deberán manter o escaparate, sexan ou non premiados, ata, cando menos, o 25 de febreiro de 2010.

O xurado estará composto por representantes das asociacións do sector comercial da cidade (Acotés, Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Asociación de Comerciantes do Barrio de San Pedro), da Cámara de Comercio, da organización do Fórum Gastronómico 2010, e por un experto na materia.

Compartir: