CONSORCIO

O Consorcio de Santiago achegará 600.000 euros para adecuar a explanada de Salgueiriños como aparcadoiro

02/02/2010 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a Comisión Executiva do ente interadministrativo. Na reunión aprobouse un convenio co Concello polo cal o Consorcio financiará con 600.000 euros os traballos que se farán na explanada de Salgueiriños para a súa adecuación como aparcadoiro. Tamén se aprobou unha partida de 90.000 euros para apoiar o Fórum Gastronómico que se desenvolverá en Santiago entre o 20 e o 24 de febreiro.

Outro dos acordos foi achegar á Universidade de Santiago un total de 50.000 euros para a redacción do Plan Museográfico do Museo de Historia Natural Luis Iglesias, que se está a construír no parque de Vista Alegre.

Por último, deuse conta do convenio de colaboración que se vai asinar coa S.A. de Xestión do Xacobeo polo cal a sociedade aportará ao Consorcio 377.000 euros para colaborar co desenvolvemento de actividades culturais no Ano Santo. En concreto serán para o Festival de Músicas Contemplativas, o Compostela Organum Festival, os Fogos do Apóstolo e a restauración da Carraca da Catedral de Santiago.

Na Comisión Executiva tamén se aprobaron axudas á rehabilitación, por un importe total de 88.303,68 euros, referidas aos plans de rehabilitación de locais comerciais (2 subvencións), rehabilitación de elementos singulares de madeira (16 subvencións) e plan de mantemento de edificios (1 subvención).

Compartir: