TURISMO

O Fórum Cidade enche de gastronomía as rúas de Santiago

02/02/2010 O Fórum Cidade ofertará un amplo programa de actividades que se desenvolverán en espazos privilexiados da cidade como o Hostal dos Reis Católicos, o Museo do Pobo Galego ou o Mercado de Abastos.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o codirector do Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, Pep Palau, presentaron no Pazo de Raxoi o programa de actividades do Fórum Cidade, que ofertará a composteláns e turistas un diverso programa de actividades enogastronómicas. O Fórum Cidade supón unha evolución con respecto a edición do 2008, xa que traslada á propia cidade actividades que unen patrimonio histórico e gastronomía.

As actividades do Fórum Cidade desenvolverase na súa maior parte o sábado 20 de febreiro. Desenvolveranse dous "Merco e Cociño con...", nos que os participantes acoden cun cociñeiro ao Mercado de Abastos a mercar os produtos, que despois cociñarán no Hostal dos Reis Católicos e na Factoría Compostela seguindo as súas indicacións para terminar degustando o resultado final. Os cociñeiros participantes son Flavio Morganti e Marcelo Tejedor.

Durante todo o sábado 20 tamén se celebrarán seis catas con maridaxe dirixidas por reputados profesionais, tres no Hostal dos Reis Católicos e tres no Museo do Pobo Galego. Haberá catas de viños galegos, de cervexas de Estrella Galicia, de licores e de augardentes. Paralelamente, desenvolveranse obradoiros gastronómicos para nenos, de tal xeito que os pais que o queiran poderán participar nas catas mentres os fillos se adentran no mundo da gastronomía.

Rutas gastronómicas, cea a cegas e concursos
O mesmo día tamén se organizarán dúas rutas gastronómicas, unha polas Rías Baixas e outra pola propia cidade. Para rematar o día, haberá unha "Cea a cegas" no Hostal dos Reis Católicos. Trátase dunha experiencia gastronómica completamente diferente, na que os comensais degustarán, cos ollos vendados, un menú sorpresa elaborado polo equipo de cociña do Parador. O crítico gastronómico Jonathan Armengol dirixirá a cea. Todas estas actividades poden reservarse a través da Central de Reservas de Turismo de Santiago, www.santiagoreservas.com.

Para os amantes da cocina tradicional, o Fórum Gastronómico organiza dous concursos que se decidirán o sábado 20. O primeiro deles é a II Edición do Concurso de Pulpeiras, no que as mellores profesionais de Galicia amosarán a súa arte nun espazo privilexiado: o mercado de Abastos. Será ás 12:00 horas. Unha hora antes, no Corte Inglés Santiago, terá lugar a final do I Concurso Galego de Cociña Familiar "Os pratos da túa vida", un certame que ten por finalidade poñer en valor os talentos ocultos da cociña familiar.

Exposición e tapas
Ademais das actividades do sábado, a cidade tamén acollerá outras actividades enmarcadas no Fórum Gastronómico, abertas á participación de composteláns e persoas que visiten a cidade. O venres cinco inaugurarase no Museo do Pobo Galego a exposición Ao pé do lar, Memorias da cociña, que ten por comisario a Manuel Gago, profesor da USC, e na que colaboraron máis de 200 persoas. A exposición, que fai unha viaxe por 2.000 anos de historia, está patrocinada por Galicia Calidade e conta coa colaboración especial de Caixa Galicia.

O Fórum Cidade tamén reserva un espazo para os amantes das tapas. Entre o mércores 17 e o mércores 24 desenvolverase o Fórum Tapas, no que 15 estabelecementos da cidade ofrecerán a súa Tapa Fórum, creada especialmente para a ocasión, e no que haberá diferentes premios para as persoas que fagan esta singular ruta de tapas. Ademais, o domingo 21 celebrarase a "Novena Gastronómica", unha experiencia inédita na que os cociñeiros do Grupo Nove presentarán as súas creacións de cociña en miniatura en estabelecementos tradicionais da cidade. Finalmente, o Casino converterase a partires do día 19 no punto de encontro nocturno, con noites temáticas diferentes.

Compartir: