ALCALDÍA

Santiago acollerá unha reunión da Comisión de Cultura do Parlamento Europeo do 28 ao 30 de abril

01/02/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado de representantes dos hostaleiros, empresarios e comerciantes da cidade, reuniuse co conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, para analizar a promoción do Xacobeo 2010 e as liñas de traballo comúns na celebración do Ano Santo. Nesta xuntanza puideron coñecer algunhas das actividades que se van a desenvolver na cidade de Santiago, entre elas unha reunión da Comisión de Cultura do Parlamento Europeo do 28 ao 30 de abril.

Tras a reunión, Sánchez Bugallo amosouse satisfeito pola reunión e afirmou que "superados os problemas apréciase boa vontade polo que debemos traballar xuntos para o éxito do Xacobeo". O alcalde comprometeu o apoio municipal a este proxecto común, reiterando a intención de "mirar cara diante".

Preguntado polos xornalistas sobre o investimento da Xunta, o alcalde insistiu en querer "remar todos xuntos", sen pensar en se o remo "é un pouco máis delgado ou máis pesado". Na reunión, a delgación compostelá pediulle ao conselleiro unha nova xuntanza para analizar a evolución do Xacobeo.

Pola súa parte, o conselleiro cualificou o encontro como "necesario para escoitar inquietudes dos distintos sectores de Santiago involucrados no Xacobeo". Nesta liña, Roberto Varela, anunciou que esta reunión "vai a ter unha certa regularidade", porque "traballando xuntos e sumando os esforzos de todos lograremos a facer o mellor Xacobeo da historia". Indicou que, neste ano 2010, a Consellería investirá en Compostela 11,8 millóns de euros (9 dos cales van destinados integramente á programación). Esta cantidade, dixo, podería incrementarse na medida que as recadacións por patrocinios se aumenten.

Entre os artistas máis destacados que actuarán na capital galega, Roberto Varela subliñou as actuacións de Cecilia Bartoli, o concerto da MTV no Monte do Gozo que se retransmitirá a nivel mundial, o pianista chino Lang Lang, ou a estrea da ópera Parsifal en versión concerto dirixida Vasily Petrenko.

Maior protagonismo de Santiago e do Camiño
Respecto á campaña publicitaria de promoción do Xacobeo, Roberto Varela sinalou que "realizarán algunhas modificacións para que o Camiño de Santiago e Compostela teñan un maior protagonismo". Entre as novas referencias está a inclusión da cidade de Santiago e o Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade ou a referencia da Ruta Xacobea como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

O titular de Cultura e Turismo recordou que "a promoción do Xacobeo, de Santiago de Compostela e de Galicia non remata no 2010, porque no ano 2011 celebraranse dous importantísimos efemérides: o VIII Centenario da Catedral de Santiago, no que a cidade será a protagonista; e a inauguración e posta en funcionamento do resto de edificios da Cidade da Cultura".

A xuntanza de traballo contou tamén coa presenza do presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey Carril; o presidente da Asociación de Empresarios del Tambre; Jesús Chenel Noya; os representantes da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago, Jesús Sordo García e José Manuel Romar; a decana do Colexio de Procuradores, Mª Soledad Sánchez Silva; o decano do Colexio de Avogados, Evaristo Nogueira Pol, o presidente de Compostela Monumental, José Manuel Bello Rey; un representante de Acotes, Antonio Pérez Casa; o representante das Axencias de Viaxes, José Oreiro; e a tenente de alcalde, Socorro García.

Compartir: