URBANISMO E BENESTAR SOCIAL

Compostela achegarase ao nivel dos países do norte de Europa no ámbito do alugueiro de vivenda a través do programa SUITE

01/02/2010 Reuniuse na sede de EMUVISSA o Grupo de Apoio Local do Proxecto Europeo SUITE, integrado por profesionais de distintos sectores da cidade, e no que Santiago actúa como xefe de fila dende o 2009 en que deu comezo.

Nesta segunda reunión do grupo en Santiago estiveron presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; a xerente da área, Berta Rosón; e o arquitecto municipal Carlos Blanco, por parte do Departamento de Urbanismo do Concello. Do Departamento de Benestar Social do Concello participou a xefa da área Teresa Furelos. En representación de EMUVISSA asistiron a xerente, María Carneiro; e o arquitecto Diego Briega. Tamén tomaron parte o promotor José Otero Pombo e o decano da delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago, Jorge Duarte. Coordinando o grupo está a experta Noruega Anita Leirvik.

O proxecto SUITE, é un proxecto de vivenda social, que se enmarca dentro do Programa Europeo URBACT II e do que forman un total de nove cidades. O Proxecto pretende analizar as posibilidades e oportunidades de utilizar a vivenda como factor de inclusión social e urbana, tema de grande interese, especialmente en tempos de crise económica. O principal obxectivo do SUITE é cooperar entre os socios para optimizar unha oferta sostible e asequible de vivenda e asegurar a cohesión social a través dunha vivenda axeitada e das políticas de inclusión coñecidas "mix social".

Nesta xuntanza, os membros do Grupo repartiron as tarefas a desempeñar para traballar na creación dun Plan de Acción Local que converterá a Santiago nun banco de probas para analizar na cidade, dun xeito práctico, o tema do aluguer de vivenda.

É importante destacar a variedade de perfís integrados no grupo e o feito de que dende o Departamento de Benestar Social xa veñen desenvolvendo un traballo importante cos grupos menos favorecidos da cidade; especialmente a través de dous programas: "Educación de rúa" e "Intervención familiar". As experiencias e o traballo desenvolvidos dende a perspectiva social traballaranse en colaboración co departamento de Urbanismo do Concello para ter en conta estas unidades familiares, na medida do posible, nesta experiencia piloto na que se vai centrar o proxecto. Santiago é unha das cidades do grupo con maior experiencia en xestión de vivenda protexida. Polo que agora, neste espírito de ir por diante, Santiago busca que o aluguer, que é un ámbito aínda non moi desenvolvido na cidade e na rexión, poida ter grandes avances, tratando de aproximarnos nesta área aos países nórdicos ou ao Reino Unido.

Tamén se fará unha análise das experiencias máis próximas, tendo previsto neste caso, na próxima reunión,que terá lugar o vindeiro 22 de febreiro, estudar os casos da Generalitat de Cataluña, do País Vasco e Andalucía, máis avanzados nesta temática. E, nunha seguinte reunión, na segunda quincena de marzo, contaremos na cidade con importantes expertos que darán unha visión deste traballo noutras cidades, xornada que se abrirá ao público, despois dunha sesión de debate interna, e que se celebrará coa colaboración do Colexio do Arquitectos.

Compartir: