CONSORCIO

Músicas de todo o mundo daranse cita na Semana Santa de Compostela

29/01/2010 A V edición do Festival de Músicas Contemplativas volve apostar polo diálogo intercultural cunha programación que inclúe 15 concertos de agrupacións musicais procedentes de Inglaterra, Vietnam, Francia, Mongolia, India, Exipto, Finlandia, Azerbaixán, Irán, Italia, Ouzbekistán e Estados Unidos.

Durante a Semana Santa, diferentes igrexas de Santiago acollerán a quinta edición do Festival de Músicas Contemplativas. Trátase dunha iniciativa cultural ligada ao patrimonio da cidade histórica de Santiago, creado e organizado polo Consorcio de Santiago, e que, este ano, conta coa colaboración da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo. En total serán 15 concertos que terán como escenario 7 espazos históricos da cidade e nos que se darán cita tradicións musicais de oriente e occidente, nunha sorte de diálogo cultural.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; e o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, presentaron esta edición do Festival, "a mellor oferta musical en España nestas datas", en palabras do alcalde. O Consorcio achega ao certame 230.000 euros e o Xacobeo outros 150.000.

Entre o 29 de marzo e o 3 de abril, as igrexas de San Martiño Pinario, Convento do Carme, San Francisco, San Paio de Antealtares, Ánimas, Universidade e a Capela do Hostal dos Reis Católicos acollerán diferentes concertos de grupos instrumentais e solistas vocais de Europa, Asia e América, representantes de diferentes tradicións musicais, e cuxas músicas soarán en latín, grego, hebreo, árabe ou mongol, entre outras linguas. Os artistas proceden de Inglaterra, Vietnam, Francia, Mongolia, India, Exipto, Finlandia, Acerbaixán, Irán, Italia, Uzbekistán e Estados Unidos.

O Festival de Músicas Contemplativas está moi relacionado co patrimonio histórico de Santiago, polo que ao pracer de escoitar únese o pracer de contemplar a riqueza histórica e artística das diferentes igrexas da cidade histórica compostelá. A política de recuperación do patrimonio arquitectónico levada a cabo polo Consorcio de Santiago ten nesta nova edición do Festival de Músicas Contemplativas un dos seus obxectivos prioritarios: dotar dunha nova dimensión a impresionante herdanza histórica e monumental dos edificios restaurados, converténdoos durante uns días en escenarios de primeiro nivel dun evento pensado para escoitar e contemplar.

O programa
O Festival arrinca o luns 29 de marzo co grupo inglés de música antiga The New London Consort, que na igrexa de San Francisco interpretará pezas de Bach e Praetorius, e coa cantante vietnamita Houng Thanh, na igrexa da Universidade. O día 30 de marzo será a vez de Fretwork Ensemble (Inglaterra), de Les Éléments (Francia) e da cantante procedente de Mongolia Urna. O 31 de marzo, as igrexas de San Martiño Pinario, Ánimas e Universidade acollerán os recitais de, respectivamente, Divana Ensemble (India), Enma Kirby & London Baroque (Inglaterra) e Sheikh Taha (Exipto). O 1 de abril actuarán a Helsinki Baroque Orchestra, o Hilliard Ensemble e o grupo procedente de Acerbaixán Alim & Fargana Qasimov. O 2 de abril, a Capela do Hostal dos Reis Católicos será escenario para a música e a poesía mística persa de Parissa. Tamén nesa xornada actuarán Il suonar parlante (Italia) e o Monâjat Yultchieva Uzbekistán). Finalmente, o 3 de abril pechará o festival a agrupación Kenneth Weiss, de Estados Unidos.

Documentos relacionados



Compartir: