EDUCACIÓN E MOCIDADE

Coa campaña "En cada rostro, igualdade" o Foro da Inmigración achegará o fenómeno migratorio aos estudantes

16/11/2005 "En cada rostro, igualdade" é o lema da campaña que levará a cabo o Foro da Inmigración, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, para que os mozos e mozas da cidade se acheguen ao fenómeno da inmigración.

"Crear unha sociedade máis xusta e humana" é un dos obxectivos deste programa, segundo explicou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos. Esta campaña realízase por segundo ano consecutivo. Na primeira edición participaron cerca de 1.500 nenos de ensino primario. Nesta segunda ocasión o Foro da Inmigración extende as súas actividades aos estudantes de secundaria co fin, segundo Elvira Cienfuegos, de "facer unha campaña máis intensa porque a educación debe servir para ensinar actitudes, valores e normas que axuden a crear unha sociedade máis humana e xusta.

O Foro da Inmigración desenvolverá este campaña nos colexios, públicos e privados, que o desexen. a través dunha serie xogos cooperativos e vídeo foros. As actividades, nas que se empregan xogos cooperativos e vídeo-foros, realizaranse en dúas sesións, de dúas horas cada unha, e sempre que sexa posible na mesma semana, co fin de que os alumnos reflexionen sobre os movementos migratorios. Na primeira sesión abordaranse os estereotipos e prexuízos que existen sobre a inmigración. e proxectarase unha curtametraxe que se explicará e analizará na seguinte sesión, que abrangue tamén xogos que requiren a activa participan dos estudantes.

Estes obradoiros estarán dirixidos por membros do Foro da Inmigración, entidade que procura favorecer a integración de colectivos de inmigrantes co fin de crear unha sociedade máis xusta onde todos teñan cabida.

Os centros escolares interesados nesta campaña poden asistir a unha xuntanza previa que terá lugar o 24 de novembro no Pazo de Bendaña ás 18.30 horas. Nesta xuntanza os membros do Foro da Inmigración explicarán as actividades dos obradoiros.

Compartir: