PLENO

Dada conta ao Pleno da prórroga orzamentaria e da retención de gasto de 3,5 millóns de euros

28/01/2010 Nunha comparecencia a petición propia, a concelleira de Facenda, Rosa Fernández Somoza, explicou ao Pleno o decreto de prórroga orzamentaria asinado o 31 de decembro. No mesmo procédese con carácter cautelar a unha retención de gasto por importe aproximado de 3.500.000 euros.

O orzamento total prorrogado ascende a 89,6 millóns de euros, o que supón un 77,30% sobre o presuposto aprobado do ano 2009. A esta cifra hai que engadirlle o volume de investimento que está en execución neste momento, así como o derivado das novas obras do plan FIL que se iniciarán no primeiro trimestre do ano. O investimento con orzamento definitivo en termos reais ascendeu no ano 2009 a 63,8 millóns de euros.

Tendo en conta as consecuencias que para o orzamento do Concello se deducen da actual situación de crise económica, coa conseguinte redución das transferencias e ingresos, declárase cautelarmente a non dispoñibilidade dos varios créditos no gasto corrente: unha redución do Capítulo I grazas á baixada das retribucións dos altos cargos nun 3%; unha retención cautelar do 25% de todo o gasto voluntario con carácter xeral no Capítulo II; unha redución cautelar do 30% nos gastos de protocolo, relacións públicas, publicidade, e comunicación; e un reaxuste nas liñas de subvencións do Concello, que suporán unha redución cautelar do 6,55%. A redución aplicarase con carácter xeral ás subvencións non nominativas.

A minoración supón un total de 3,55 millóns de euros. De todo isto extráese que, cautelarmente, o orzamento dispoñible para o primeiro trimestre de 2010 será de 86.025.280,36 euros, que supón un 74,23% do presuposto do ano 2009, ao que hai que engadir a obra en execución (convenio de travesías, de espazos públicos e casco histórico, obras dos fondos FIL, ludoteca de Fontiñas, escola infantil de Tras Parlamento, reforma e mantemento de vías públicas, etc.).

Compartir: