ALCALDÍA

O alcalde compostelán avoga por un pacto político polo prezo da auga

27/01/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou na xornada aberta ¿Pagamos o que vale a auga?, organizada pola Asociación Española de Abastecementos de Auga e Saneamento (AEAS). Bugallo explicou o caso compostelán na mesa redonda arredor da "Evolución dos Servizos da Auga", dende as orixes do sistema de fontes e subministro compostelán, no século XVIII, ata os nosos días.

Na súa ponencia, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosouse partidario dun "pacto político" polo prezo da auga, de xeito que a auga "non sexa estratexia de confrontación política", posto que considera que este ben comeza a ser o "gran problema do século XXI".

O mandatario compostelán falou tamén da complexidade da incursión en cascos históricos coma o de Santiago das novas infraestruturas de saneamento e condución de augas potables. Estas implican diversas dificultades técnicas, ás que en moitos casos hai que engadir os achados arqueolóxicos e a súa posterior consolidación e conservación.

A estas dificultades hai que engadir as novas necesidades de soterramento das conducións de electricidade, telefonía ou gas, creando un entramado de redes subterráneas ás veces incompatibles nos mesmos espazos. Isto obriga a unha constante renovación das instalacións, que perturban dun modo case cotiá a vida cidadá.

O alcalde falou así mesmo da necesaria contribución destas redes de abastecemento e saneamento ao mantemento dun medio ambiente sostible. Nese sentido, xoga un papel fundamental a concienciación sobre o valor real da auga, a través de campañas e de transmitir as posibilidades e técnicas de reutilización e reciclaxe.

Compartir: