ALCALDÍA

O alcalde participará na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que aprobará un orzamento para 2010 de 3,6 millóns de euros

27/01/2010 A cidade portuguesa de Chaves acollerá mañá xoves a XV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que aprobará a programación e os presupostos para 2010, que ascenden a 3,6 millóns de euros. Este ano producirase a transformación da entidade na nova figura xurídica, Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT). Esta figura, promovida pola Comisión Europea, permitirá a xestión de fondos en varios países, coa aplicación da normativa dun deles.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participará nesta Asemblea Xeral, na que se dará o visto bo a unhas contas de 3,6 millóns de euros que converten o Eixo Atlántico na asociación de municipios de este tipo en Europa con maior orzamento. Desta cantidade, só preto dun 15% proveñen dos fondos aportados polos 34 concellos e cámaras municipais asociadas; o resto son recursos externos captados pola entidade transfronteiriza.

Entre as actuación principais previstas para 2010, destacan catro liñas estratéxicas:

- Cooperación interrexional a través dun conxunto de programas e actuacións sociais en materia de cultura (Capitalidade Cultural do Eixo Atlántico, Bienal de Pintura), deportes (Xogos do Eixo, torneos de balonmán e volei praia), educación (Mostra Musical) e turismo, entre outras.

- Favorecer a visibilidade da cooperación co desenvolvemento de recursos no ámbito da comunicación a través da páxina web do Eixo Atlántico e a súa newsletter, ambos con versións en idioma galego e portugués.

- Reforzo da posición de lobby en España, Portugal e a Unión Europea a través do impulso á Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), na que o Eixo Atlántico exerce a secretaría xeral. Tamén impulso á creación da Rede Europea que a entidade transfronteiriza fomenta xunto a Unión de Cidades Bálticas, as Cidades do Arco Atlántico, as cidades do Mediterráneo, o Foro de Cidades Adriáticas e Ioaninas (Italia e Grecia), a Misión Operativa Transfronteiriza, MOT (Francia) e a propia RIET.

- A promoción do Servizo de Estudos, ferramenta estratéxica que promove catro liñas de actuacións: pensar a cidade do futuro, desenvolvemento sostible, innovación para a cidade do século XXI e ordenación do territorio das cidades, co impulso das alianzas estratéxicas entre poboacións.

Compartir: