CULTURA

Unhas xornadas lembrarán a figura de Ánxel Casal

16/11/2005 Desde o mércores 16 e ata o venres 18 de novembro a Facultade de Xeografía e Historia acollerá mesas redondas, conferencias e comunicacións sobre Ánxel Casal, editor e galeguista compostelán asasinado polos franquistas cando era alcalde de Santiago.

A conselleira de Culura, Ánxela Bugallo, e o concelleiro de Cultura do concello de Santiago, Néstor Rego, inauguraron o mércores 16 as xornadas "Ánxel Casal, unha vida por Galiza", que organizan conxuntamente a Concellaría de Cultura e a Universidade de Santiago.

De seguido, celebrouse unha mesa redonda baixo o título "A lembranza viva de Ánxel Casal e o seu tempo", na que participaron Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, e Avelino Pousa Antelo. Para a tarde do mércores 16 están programadas as intervencións de Ramón Villares e Carlos Velasco.

O xoves 17 Xosé Manuel Núñez Seixas falará sobre "As Irmandades da Fala e o Partido Galeguista" ás 10 horas, Justo Bermendi sobre "A traxectoria política de Ánxel Casal", ás 12, Xosé María Dobarro sobre "As empresas culturais de Ánxel Casal" e Xosé Luis Axeitos d´"O libro nos tempos da Xeración Nós", ás 17.30. Como colofón, o xoves haberá unha mesa redonda coa participación de representantes das editoriais galegas arredor da presencia da producción de Ánxel Casal nas edicións actuais.

O último día das xornadas, o venres 18, abrirase cunha exposición e debate das comunicacións, ás 10 da mañá. Pola tarde, ás 17, falará Emilio Grandío arredor do concello de Santiago na evolución municipal da Segunda República, e ás 18.30 será o turno de María Xesús Souto, que disertará sobre a persecución dos demócratas da República á Ditadura.

Ánxel Casal foi un editor e galeguista compostelán asasinado polos franquistas nunha gabia de Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, cando era alcalde de Santiago.

Ademais do seu traballo como político demócrata e galeguista, Casal levou a cabo unha importante labor editorial, fundando a editorial Lar e a imprenta Nós, que deu ao prelo obras xa clásicas da literatura galega. O seu labor como normalizador da lingua galega estivo tamén vinculado ao ámbito da educación, e impulsou as primeiras escolas do ensino en galego.

Compartir: