SONS DA DIVERSIDADE

Malkit Singh actúa o venres 18 no Auditorio

17/03/2005 O rei do bhangra, a música que dos campos indios de Punjab saltou ás discotecas londinenses, actuará o próximo venres 18 de marzo en Santiago.

No marco do ciclo Sons da diversidade , o rei do bhangra, Malkit Singh, actuará o venres 18 de marzo no Auditorio.

A pesar de que a chegada deste músico ás pistas de baile occidentais se fixo patente tras a súa participación nas películas bollywoodienses "Quero ser como Beckam", de Gurinder Chadha, e "A voda do Monzón", de Mira Nair, o nacemento deste "gurú" do banghra remóntase aos anos 80, cando se instalou en Inglaterra. Por aquela época, as novas xeracións anglohindús buscaban un estilo musical que os identificase, tal como os afroamericanos fixeran co hip hop. Así chegan ao bhangra sintetizadores, samplers e baterías electrónicas.

Do campo ás discotecas
Malkit Singh naceu en 1963 en Hussainpur (Punjab). Tras educarse no prestixioso Khalsa College de Jalandhar (Punjab), foi gañador do prestixioso festival "Golden Voice" no Punjab. Daquela non sospeitaba que sería el un dos trasnportadores do bhangra, unha música nacida nos campos indios de Punjab ás pantallas de cine indio da potente industria de Bollywood en Bombay ou aos ambientes culturais e vangardistas de occidente.

Malkit Singh trunfou entre os chamados "british asians". O seu debut co álbum Nach Gidde Wich, gravado en vintecatro horas, estivo seguido, en 1987, do maior éxito de popularidade ata ese momento da nacente industria da música bhangra, Gurh Nalon Ish Mitha.

Nos anos noventa, Malkit Singh decide fusionar o dinamismo da música bhangra con influencias da música reggae e con elementos da música techno como o house, o jungle e o
drum'n'bass. Partindo do sinxelo ritmo do dhol, o bhangra transfórmase nunha música na que as melodías asiáticas se mesturan cos xéneros occidentais de actualidade.

Neste período, Malkit Singh publicou vinte discos e actuou nos máis prestixiosos escenarios do mundo, en lugares onde ata ese momento só era coñecido o sitar e a táboa como instrumentos musicais da India.

As entradas para o concerto do vindeiro venres 18 poden adquirirse a través da web de Caixa Galicia, do seu teléfono (902 43 44 43) ou ben o xoves e o venres nas billeteiras do Auditorio, en horario entre as 12 e as 14 horas ou entre as 17 e as 20 horas.

O prezo das entradas é de 12 euros, e de 6 euros para estudantes e xubilados.

Compartir: