CONSORCIO

Ros Marbà, finalista nos Premios da Música polo disco dedicado a Mompou

26/01/2010 O director titular da Real Filharmonía de Galicia, Ros Marbà, é un dos tres finalistas na sección "Mellor intérprete de música clásica" dos Premios da Música. A nominación vén polo traballo gravado pola orquestra dedicado a Frederic Monpou, un dos compositores españois máis universais, vinculado especialmente a Santiago pola súa presenza nos cursos de Música en Compostela.

O disco de Mompou, editado polo selo Warner Music, foi gravado no Auditorio de Galicia pola Real Filharmonía e saíu ao mercado ao inicio do 2009. O director artístico e titular da orquestra santiaguesa, Antoni Ros Marbà, está nominado xunto con outros dous artistas: Ara Malikian e Jordi Savall. O fin do período de votación remata o 14 de febreiro.

O disco da Real Filharmonía, que conta coa participación da mezzosoprano Marisa Martins, está formado por catro pezas compostas por Frederic Mompou, falecido hai agora 20 anos. Mompou, un dos grandes descoñecidos da música española, levou unha vida artística dedicada case exclusivamente a obras breves para piano e canción, conformando unha das páxinas máis fermosas da música española.

Mompou, que tivo entre os seus colaboradores habituais ao mestre Ros Marbà, estivo vencellado de forma especial a Santiago, debido á súa participación nos cursos de Música en Compostela. De feito, unha das composicións incluídas no traballo discográfico é a Suite Compostela, que Ros Marbá adaptou para orquestra a partir dunha composición que fixera Mompou nunha das súas estadías en Santiago durante os cursos de verán Música en Compostela.

O disco inclúe as pezas El Combat del Somni, a Suite Compostela, 5 Poemas sobre textos de Paul Valéry e Cançons i danses. A implicación persoal do mestre Ros Marbà é moi grande, non so polo amizade que o uniu ao compositor catalán, senón tamén por ser o autor dos arranxos ás tres primeiras obras da gravación.

A mezzosoprano hispano-arxentina Marisa Martins é a encargada de poñer voz ás pezas. Foi precisamente a propia viúva de Mompou, Carmen Bravo, falecida hai un ano, quen legou ao mestre Ros Marbà unhas cartas nas que manifestaba o seu desexo de que fose Martins quen cantase as composicións do seu marido.

Os Premios da Música foron instituídos en 1996 pola Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) e Fundación Autor en colaboración coa Sociedade de Artistas, Intérpretes y Ejecutantes (AIE) en recoñecemento ao traballo de autores, artistas, compositores e, en xeral, a todos os profesionais da música. Dende o ano 2001, é a Academia das Artes e as Ciencias da Música a encargada da súa organización.

Compartir: